Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Adaptación curricular

Definición:

En sentido xeral, adecuación do currículo ás necesidades, intereses e características dun centro ou grupo de alumnos. De modo máis particular, no sistema educativo español fálase de adaptación curricular como a adecuación do deseño curricular base ás características individuais e diversas de centros e alumnos a través dos distintos niveis de concreción (é dicir, o proxecto curricular de centro e as programacións de aula). Por exemplo, unha medida xeral de adaptación curricular de atención á diversidade na educación secundaria obrigatoria sería a oferta de materias optativas de cada centro. En sentido específico, as adaptacións curriculares son estratexias pedagóxicas que consisten na modificación, por parte do profesor ou do equipo docente, dun ou varios elementos da programación (fundamentalmente obxectivos, contidos, actividades de ensino-aprendizaxe, ou actividades de avaliación) en función dos intereses, necesidades ou capacidades dos alumnos. Recoñécense dous tipos principais de adaptacións curriculares: a temporalización e a priorización. A primeira consiste en alterar de modo máis ou menos significativo o prazo previsto para a consecución dos mesmos obxectivos. Por exemplo, para un alumno ou grupo de alumnos poderíase atrasar do segundo ao terceiro ciclo da educación primaria o obxectivo da iniciación á comunicación escrita na área de Lingua Estranxeira. Na Educación Secundaria Obrigatoria, unha medida extrema de temporalización sería a permanencia do discente no mesmo curso ou ciclo durante un ano máis.

A priorización implica unha reorganización de obxectivos, contidos ou áreas do currículo común, integrando, eliminando ou desestimando algún deles de modo temporal ou permanente. O caso extremo de priorización consiste na eliminación ou introdución de certos contidos e obxectivos para alumnos con necesidades educativas especiais, isto é, alumnos cuxas carencias ou dificultades de aprendizaxe proveñen de limitacións persoais, xa sexan físicas, psíquicas ou sensoriais. Por exemplo, a modificación dos obxectivos e contidos da área de Lingua Estranxeira que se refiren á comprensión e produción escrita sería pertinente no caso de alumnos con problemas de dislexia.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Albericio, J. J. 1991. Educar en la diversidad. Madrid: Bruño.

MEC (Ministerio de Educación y Ciencia). 1989. Diseño Curricular Base. Educación Secundaria Obligatoria. 2 vols. Madrid: MEC.

Ruiz i Bel, R. 1988. Técnicas de individualización didáctica. Adecuaciones curriculares individualizadas (ACI) para alumnos con necesidades educativas especiales. Madrid: Cincel.

Vidal García, J. 1993. Guía para realizar adaptaciones curriculares. Madrid: EOS.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Adaptación curricular
Inglés: 
Curricular adjustment
Francés: 
Adaptation curriculaire
Alemán: 
Adaptation des Curriculums
Italiano: 
Adattamento curricolare
Polaco: 
Dostosowanie programu nauczania
Portugués: 
Adaptação curricular
Ruso: 
Адаптация учебной программы
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/adaptacion-curricular, con data de acceso 03/12/2024).