Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Estudo mediante diarios

Definición:

Co fin de obter maior información sobre as características individuais do alumnado e de como estas poden influír no proceso de aprendizaxe, o docente ou investigador pode levar de xeito periódico un diario ou rexistro escrito. Ademais de datos sobre a evolución lingüística dos estudantes, o diario adoita recoller as impresións persoais do profesor acerca do estudante e da súa propia actuación docente, e información relativa ao contexto no que leva a cabo o labor pedagóxico e ás actitudes do alumnado tanto cara á aprendizaxe do idioma como cara ás estratexias didácticas empregadas na clase.

Mediante os diarios o equipo investigador pode realizar estudos lonxitudinais sobre a aprendizaxe dunha lingua por un estudante ou un grupo de estudantes homoxéneo, tendo en conta as mesmas variables en todos os casos; así mesmo, pode acometer estudos transversais, traballando cunha clase de estudantes heteroxénea e tomando distintas variables en cada caso. No estudo mediante diarios, o profesor/investigador recolle exemplos da evolución lingüística do alumnado de xeito detallado, así como información relativa ao ámbito lingüístico implicado, é dicir, información en torno ao contexto lingüístico ou extralingüístico que rodea a situación de aprendizaxe. Así pois, nun diario figuran datos relativos aos métodos, as estratexias, as técnicas e as actividades empregadas, os obxectivos, os materiais didácticos e os recursos utilizados, os participantes no proceso de aprendizaxe (tanto o docente como o discente), a súa actitude, motivación, produción e comprensión (dominio das catro destrezas), etc.

O estudo de diarios adóitase utilizar como complemento doutras técnicas experimentais de recompilación e análise de datos relacionadas co ensino e aprendizaxe de linguas, tales como o estudo de casos e a investigación acerca de trastornos de aprendizaxe, empregándose como punto de partida para a formulación de hipóteses acerca das posibles causas e solucións a determinados problemas de aprendizaxe: análise das necesidades do alumnado, estudo dos factores que rodean as situacións de aprendizaxe e dos métodos e estratexias empregados, actuación do profesor e eficacia da mesma, etc. Esta metodoloxía de investigación utilízase tamén na área de formación do profesorado

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bennett Kastor, T. 1988. Analysing Children’s Language. Oxford: Blackwell.

Fry, J. 1988. “Diary Studies in Classroom SLA: Problems and Prospects.” SALT Journal 9: 158-167.

Larsen-Freeman, D. & Long, M. 1991. An Introduction to Second Language Acquisition Research. London; New York: Longman.

McDonough, J. & Shaw, C. 1994. Materials and Methods in ELT. Oxford: Blackwell.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Estudio mediante diarios
Inglés: 
Diary study
Francés: 
Étude au moyen de journaux
Alemán: 
Tagebuch-Studie
Italiano: 
Studio mediante diario
Polaco: 
Badanie dzienniczkowe
Portugués: 
Estudo de diário
Ruso: 
Исследования на основе дневников
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/estudo-diarios, con data de acceso 07/06/2023).