Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Formación do profesorado

Definición:

Actividades referidas á preparación, actualización e reciclaxe do profesorado que adoitan incluír tanto a formación inicial como a formación permanente. Algúns autores como Wallace (1991) establecen unha distinción entre formación ou educación do profesor e desenvolvemento do profesor. No primeiro caso, a formación adquírese grazas a outras persoas que estimulan esa formación; no segundo, enténdese que é algo referido a un mesmo, é dicir, son iniciativas promovidas para e por un mesmo. No campo do ensino do inglés, por exemplo, as manifestacións máis importantes de desenvolvemento do profesor viñeron canalizadas a través do Teacher Development Special Interest Group pertencente á IATEFL, é dicir, o “Grupo especial de interese no desenvolvemento do profesor” dentro das accións promovidas pola “Asociación internacional de profesores de inglés como lingua estranxeira”, constituída en 1986.

Por outra banda, varios son os factores que se deben ter en conta á hora de referirnos á formación do profesorado en termos xerais:

  1. a fase ou etapa na carreira do docente na que ten lugar a actividade: inicial ou permanente;
  2. o lugar onde se realiza a actividade de formación: o propio centro de traballo ou outro lugar alleo ao mesmo;
  3. a persoa ou ente responsable da formación: experto fronte a compañeiro;
  4. o tipo de formación: formal (curso, seminario, taller, conferencia) ou informal (intercambio de opinións); e, para rematar,
  5. o obxectivo da mesma: carácter práctico ou de natureza informativa ou teórica.

No noso país e no momento presente, o profesor de educación primaria de linguas estranxeiras recibe a súa formación inicial nas antigas Escolas de Maxisterio ou Escolas de Formación do Profesorado, a meirande parte das cales transformáronse recentemente nas modernas Facultades de Educación. No penúltimo ou último curso desta titulación o alumno debe superar unhas prácticas que xa realiza en centros de primaria baixo a supervisión dun(ha) profesor/a titor/a con experiencia docente. No caso do profesor de secundaria, o alumno de linguas estranxeiras ha de completar os estudos correspondentes á súa especialidade nas Facultades de Filoloxía, para máis tarde realizar o certificado de aptitude pedagóxica (CAP), cunha duración de entre 4 e 9 meses, segundo a universidade responsable do mesmo. Este curso consta de dous módulos principais: un de carácter teórico subdividido á súa vez en varios seminarios, un dos cales, polo menos, versa sobre a didáctica da lingua correspondente, e outro de carácter práctico en institutos de Secundaria baixo a dirección dun profesor-titor. 

Na actualidade, a formación permanente do profesorado de linguas estranxeiras lévana a cabo fundamentalmente a universidade, os Centros de Formación e Recursos (CEFOREs) e os Movementos de Renovación Pedagóxica (MRPs). As asociacións de profesores de alemán, español, francés, galego, inglés e italiano como segunda lingua (⇒ Apéndices I, II, III, IV, V e VI) adquiriron no noso país unha grande importancia nos últimos anos dinamizando ao profesorado, facilitando o intercambio de ideas entre os seus membros e organizando numerosas xornadas, congresos, seminarios, simposios e reunións de traballo. Organismos como o Instituto Cervantes, o British Council (Consello Británico), a Alliance Française (Alianza Francesa), o Goethe Institut (Instituto Goethe), o Istituto Italiano di Cultura (Instituto Italiano da Cultura) e o Comité Conxunto Hispano-norteamericano tamén inclúen dentro da súa programación anual encontros, reunións e cursos de formación do profesorado. En ocasións, varios dos estamentos anteriores colaboran na organización de actividades conxuntas.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Richards, J. C. & Nunan, D. (eds.). 1990. Second Language Teacher Education. Cambridge; New York: Cambridge University Press.

Wallace, M. J. 1991. Training Foreign Language Teachers: A Reflexive Approach. Cambridge: Cambridge University Press.

Woodward, T. 1991. Models and Metaphors in Language Teacher Training. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Formación del profesorado
Inglés: 
Teacher education
Francés: 
Formation du professorat
Alemán: 
Lehreraus- und -fort-bildung
Italiano: 
Formazione degli insegnanti
Polaco: 
Edukacja nauczycielska
Portugués: 
Formação de professores
Ruso: 
Подготовка преподавателей
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/formacion-profesorado, con data de acceso 26/04/2024).