Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Formación de conceptos

Definición:

Proceso de grande importancia no desenvolvemento cognitivo do individuo. Ten lugar durante a infancia e consiste na categorización da realidade por parte da persoa para facilitar a súa comprensión e a interacción co mundo que lle rodea. A formación de conceptos implica a organización dos distintos estímulos recibidos en grupos ou conxuntos de categorías ou clases que posúen unhas características ou atributos comúns. Tanto a asignación a unha ou outra categoría como a capacidade para discernir os atributos de cada clase é unha tarefa que leva a cabo o propio individuo. Os conceptos organízanse de xeito xerárquico en función do seu grao de xeneralidade; así, por exemplo, flor é un concepto de carácter máis xeral que rosa, pero o concepto planta é aínda máis xeral e, xa que logo, englóbao. A formación de conceptos ten moita importancia no estudo e explicación de procesos cognitivos tales como a percepción, a memoria ou a capacidade lingüística.

A formación de conceptos no ser humano é un paso esencial na súa evolución lingüístico-cognitiva, ata tal punto que se converte no requisito previo fundamental para o desenvolvemento das súas capacidades lingüísticas (con referencia ás catro destrezas). Gagné e Piaget estudaron este proceso no neno como obxectivo principal do seu desenvolvemento verbal e non verbal. A medida que o neno vai crecendo (aínda que non necesariamente de forma paralela ao crecemento cronolóxico), vai adquirindo maior capacidade de conceptualización, o cal lle permite formular xeneralizacións ou abstraccións a partir das súas experiencias e a súa actividade psicomotora. 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Barca Lozano, A., González Cabanach, R. & Muñoz Cadavid, M. A. 1982. Psicología y psicopatología del lenguaje. A Coruña: Editorial Científico Clínica.

Carreiras, M. 1997. Descubriendo y procesando el lenguaje. Madrid: Trotta.

García Albea, J. E. 1993. Mente y conducta. Madrid: Trotta.

Moore, T. E. (ed.) 1973. Cognitive Development and the Acquisition of Language: [Original Papers of a Conference Sponsored by the National Science Foundation and Held at the State University of New York at Buffalo, August 2-5, 1971]. New York: Academic Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Formación de conceptos
Inglés: 
Concept formation
Francés: 
Formation de concepts
Alemán: 
Begriffsbildung
Italiano: 
Formazione di concetti
Polaco: 
Formowanie myśli
Portugués: 
Formação de conceitos
Ruso: 
Формирование понятий
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/formacion-conceptos, con data de acceso 10/12/2024).