Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Memoria

Definición:

Capacidade mental para almacenar, recordar e recuperar información durante un período determinado de tempo. Distínguense normalmente dous tipos de memoria: a memoria a curto prazo (en inglés, immediate memory ou short-term memory: STM) e a memoria a longo prazo (en inglés, long-term memory: LTM). No primeiro caso, a información almacénase por períodos curtos de tempo; por exemplo: procuramos un número de teléfono na guía telefónica e a continuación marcamos os díxitos correspondentes sen maiores problemas. Con todo, se esperamos algo máis de tempo é posible que nos esquezamos desa información. Este tipo de memorización non require a activación de determinados mecanismos neuronais que permitirían recordar o memorizado pasado certo tempo. Por outra banda, cando retemos algo mentalmente durante un período maior, pasará a almacenarse na memoria a longo prazo. Dise que para que algo pase a formar parte da memoria a longo prazo debe producirse algún tipo de aprendizaxe, para o que é necesario un esforzo consciente por parte da persoa. A información que retemos na memoria a longo prazo non ten por que almacenarse da mesma forma en que se recibe. En ocasións tamén se fala de memoria secuencial, cando se necesita almacenar e recuperar información de acordo cunha orde específica (contar os días da semana ou os meses do ano, facer unha relación por orde cronolóxica dos reis dun país). Tamén existe un tipo de memoria que poderiamos denominar rutineira, xa que non require comprensión (a memorización dun poema sen entender o que di). É preciso sinalar que as investigacións (Glicksberg, 1963; Cook, 1977) demostran que a capacidade para memorizar na segunda lingua é inferior que na primeira.

A acción de aprender require en moitos casos establecer suposicións ou hipóteses, relacionar conceptos, aplicar regras, ou esforzarse na resolución dalgún problema. A memoria cumpre un papel importante na aprendizaxe de linguas, ata o punto que se considera como unha das dimensións da aptitude lingüística. Nas investigacións realizadas con bos aprendices de linguas, a memoria (isto é, unha boa capacidade de retención e almacenamento de información) sobresae como unha das características destas persoas.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Clark, H. H. & Clark, E. 1977. Psychology and Language. New York: Harcourt, Brace, Jovanovich.

Cook, V. J. 1977. “Cognitive Processes in Second Language Learning”. International Review of Applied Linguistics 15: 1-20.

Donahoe, J. W. & Wessells, M. G. 1980. Learning, Language and Memory. New York; London: Harper and Row.

Glicksberg, D. H. 1963. A Study of the Span of Immediate Memory among Adult Students of English as a Foreign Language. University of Michigan. (Tesis doctoral inédita).

McDonough, S. H. 1981. Psychology in Foreign Language Teaching. London: George Allen and Unwin.

Stevick, E. 1976. Memory, Meaning and Method: Some Psychological Perspectives on Language Learning. Rowley, MA: Newbury House.

Informe retrospectivo dunha actividade xa realizada. Tamén pode ter un carácter prospectivo, é dicir, como proxecto a levar a cabo. Así se fala, por exemplo, da memoria dun proxecto. 

Entradas relacionadas: 
Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Memoria
Inglés: 
Memory (1) / Report (2)
Francés: 
Mémoire
Alemán: 
Gedächtnis (1) / Bericht (2)
Italiano: 
Memoria
Polaco: 
Pamięć
Portugués: 
Memória
Ruso: 
Дипломная работа
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/memoria, con data de acceso 13/01/2025).