Puelles, M., Blas P. & Pedró, F. 1996. Política, legislación e instituciones en la educación secundaria. Barcelona: ICE/Horsori.
As siglas corresponden ao curso para a obtención do Certificado de Aptitude Pedagóxica que desde a Lei Xeral de Educación de 1970 se esixe en España para acreditar a todos aqueles que se interesen polo ingreso na función docente nos centros de ensino secundario de carácter público. O feito de que se lle encomendase a impartición destes cursos aos Institutos de Ciencias da Educación das distintas universidades españolas produciu unha traxectoria desigual no seu desenvolvemento, organización e esixencia (número de horas, formación académica e pedagóxica do profesorado do curso, avaliación do rendemento dos alumnos, etc.). Por este e outros motivos o CAP recibiu numerosas críticas que afectan ao seu contido, o seu obxecto, á súa temporalización e o seu valor formativo-profesionalizador.
Cando se aprobou a Lei Xeral do Sistema Educativo (a LOGSE) en 1990, introduciuse unha nova esixencia: que os profesores de secundaria foran acreditados cun Curso de Cualificación Pedagóxica cunha duración mínima dun ano académico, que incluiría un período de prácticas docentes relacionadas coa titulación superior correspondente. Posteriormente, a Lei Orgánica 10/2002, de 23 de decembro, de Calidade da Educación (a LOCE) estableceu unha nova modalidade de formación inicial do profesorado de Educación Secundaria: o Título de Especialización Didáctica (TED), de cuxa organización eran responsables as universidades, en colaboración coa Administración educativa correspondente. O título concibíase como un "complemento de diploma" ou unha "opción" da Titulación Superior. Na actualidade, de acordo ao disposto na LOE, para o acceso aos corpos de profesores de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinos de Idiomas é necesario ser graduado universitario e cursar un MÁSTER oficial específico dun ano de duración (60 créditos) (Orde ECI/3858/2007 , do 27 de decembro, (BOE 29-12).