Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Cambridge EFL examinations

Definición:

Ao longo das dúas últimas décadas, os exames de nivel de inglés organizados pola Universidade de Cambridge, no Reino Unido, acadaron un grande éxito e proxección en institucións e centros educativos fóra deste país, xerando ademais abundantes publicacións en forma de manuais e materiais de apoio correspondentes aos distintos niveis establecidos, que son hoxe empregados como escala de referencia para o ensino de inglés como segunda lingua ou como lingua estranxeira en numerosos centros educativos. Na actualidade, o número de niveis establecido para a competencia en inglés xeral é de cinco, cada un coa súa proba de nivel correspondente na que se cobren as catro destrezas básicas (lectura, expresión escrita, comprensión oral e expresión oral) cun grao de dificultade graduado. As dúas primeiras probas da serie, o Key English Test (KET) e o Preliminary English Test (PET), son de carácter preliminar, como preparación para os niveis máis avanzados; céntranse, polo tanto, nos coñecementos necesarios para desenvolverse en situacións comunicativas sinxelas (autopresentación, breves diálogos informais, comprensión de letreiros públicos, etc.). Os tres niveis seguintes son os que alcanzaron maior popularidade internacionalmente. En cada un deles, o examinando enfróntase a tarefas con textos de crecente extensión e complexidade, e debe demostrar o dominio dunha serie cada vez máis ampla de rexistros. O First Certificate in English (FCE) é unha proba de nivel intermedio; o Certificate in Advanced English (CAE) corresponde, como o seu nome indica, a un nivel avanzado; finalmente, o Certificate of Proficiency in English (CPE) é o exame de máis alto nivel no ensino de inglés como lingua estranxeira, e a súa superación é considerada polas universidades británicas como proba de que o candidato posúe os coñecementos de inglés suficientes para realizar estudos superiores nesta lingua. A táboa seguinte presenta as equivalencias entre os distintos exames de Cambridge e os niveis establecidos polo marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación.



Certificados de Cambridge

Nivel Marco europeo común de Referencia

KET

A2

PET

B1

FCE

B2

CAE

C1

CPE

C2

Véxase: Apéndice V.

Entradas relacionadas: 
Correspondencia noutros idiomas
Ruso: 
Кембриджские экзамены владения английским как иностранным языком
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/cambridge-efl-examinations, con data de acceso 05/12/2024).