Barrios Espinosa, M. E. 1996. "Schema Theory and L2 Reading Instruction". Lenguaje y textos 8: 239-250.
Tamén proceso descendente e, en inglés, top-down process.
Proceso de comprensión da linguaxe no que o falante emprega os seus coñecementos xerais do mundo, expectativas e experiencia anterior, así como os guións e esquemas previos para interpretar e comprender un enunciado lingüístico ou unha secuencia de sucesos determinados nun contexto específico. En psicolingüística, psicoloxía cognitiva e procesamento da información, este termo oponse a outro proceso de análise: o proceso bottom-up (“de abaixo arriba”). Este último consiste na interpretación do significado de cada signo lingüístico ou dunha serie de signos lingüísticos desde o punto de vista fonolóxico e morfosintáctico, e de xeito illado ou literal; é dicir, sen establecer entre eles relacións de tipo contextual, pragmático ou conceptual. Este proceso de descodificación pode chegar para entender certos enunciados, mais resulta insuficiente á hora de asimilar outros que implican o coñecemento de elementos extralingüísticos e culturais relacionados coa lingua en cuestión. Ambos os procesos non son polo tanto excluíntes, senón interactivos, e actívanse cada vez que o falante ha de interpretar elementos do discurso. Un exemplo da necesidade desta relación son os refráns e frases feitas existentes en diferentes linguas. Así, por exemplo, a comprensión do enunciado Non poñas o carro antes dos bois implica por parte do falante non só o emprego dos mecanismos de análises “de abaixo arriba” (descodificación de sons ou dos grafemas que os representan, análises da estrutura morfosintáctica do discurso, etc.), senón tamén o emprego dos mecanismos “de arriba abaixo” (situación pragmática e contexto no que o texto esta situado (lingüístico e extralingüístico), coñecemento do concepto “refrán / frase feita”, o seu uso e significado, etc.). O mesmo sucede con elementos discursivos como as fórmulas de saúdo ou de agradecemento. Ambos os procesos han de combinarse para poder levar a cabo con éxito a comprensión de calquera tipo de texto de contido xeral ou específico, por exemplo, prensa, obras literarias ou cartas. Finalmente, ambos os procesos téñense estudado en relación coa comprensión lectora, o ensino de segundas linguas e o procesamento da lingua mediante computadores.
Carrell, P.; Devine, J. & Eskey, D. 1988. Interactive Approaches to Second Language Reading. Cambridge: Cambridge University Press.