Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Enunciado

Definición:

Defínese en termos fonéticos, independentemente das súas características morfosintácticas, como “fragmento do discurso dun falante, sen pausas internas e delimitado polo silencio” (Laver, 1994). Así pois, o termo enunciado non fai referencia a unha categoría gramatical, senón máis ben a unha categoría fonética e/ou discursiva que serve como unidade básica na análise do discurso e os estudos de pragmática. Neste sentido, o enunciado é unha proposición caracterizada polo seu significado funcional dentro do discurso dun falante determinado e no contexto dunha situación concreta. A categoría gramatical dun enunciado pode variar e un mesmo significado funcional pódese expresar mediante enunciados de distinta forma morfosintáctica, e viceversa, o mesmo significante pode empregarse para expresar distintos significados e cumprir funcións diversas en contextos diferentes. Isto implica que non existe unha correspondencia absoluta entre forma e significado, senón que o significado dun enunciado vén dado en gran medida pola función que lle outorga o falante segundo a súa intención.

Deste xeito, un enunciado pode estar formado por unha palabra soa (substantivo, adverbio, interxección, etc.), unha frase (frase nominal, verbal, adxectiva, etc.) unha cláusula ou grupo de cláusulas unidas mediante subordinación, coordinación ou calquera outro tipo de técnica de cohesión do discurso, ou unha oración. 

Exemplos: 

Todos os seguintes son exemplos de enunciados: ¡Ai! (contexto: expresión de dor física ou aflición); Bo día! (contexto: fórmula de saúdo empregada durante un determinado momento do día); Un café con leite, por favor (contexto: un cliente diríxese a un camareiro nunha cafetería.); Tes hora? (contexto: solicitude de información nunha situación posiblemente informal), etc.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Coulthard, M. 1985. An Introduction to Discourse Analysis. London: Longman.

Laver, J. 1994. Principles of Phonetics. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enunciado
Inglés: 
Utterance
Francés: 
Énoncé
Alemán: 
Äußerung
Italiano: 
Enunciato
Polaco: 
Wypowiedź
Portugués: 
Enunciado
Ruso: 
Высказывание
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/enunciado, con data de acceso 07/12/2024).