Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

MOOC

Definición:

Acrónimo inglés correspondente a Massive Open Online Course, é dicir, “Curso en liña masivo e aberto” ou CEMA, que é o termo recomendado pola Fundación do Español Urxente ( Fundeu.es), aínda que a abreviatura inglesa se emprega tamén de modo habitual en textos en español.

Como a propia expresión indica, se trata de cursos de duración variable impartidos en modalidade non presencial, en aberto e xeralmente sen custo para un número en principio ilimitado de participantes, a miúdo miles de estudantes dos perfís e procedencias máis diversos. Entroncan en boa medida co ensino a distancia e a autoaprendizaxe, de ampla difusión desde hai décadas, e deben gran parte do seu éxito ao enorme desenvolvemento e a difusión das tecnoloxías da información e a comunicación na actualidade.

Desde que Dave Cormier e Bryan Alexander impartiron o primeiro MOOC en 2008 e acuñaron o termo, a popularidade deste tipo de formación foi en aumento e institucións de educación superior de enorme prestixio de todo o mundo se foron sumando a esta tendencia e difunden gratuitamente algunhas das súas propostas formativas á vez que promocionan os seus servizos. Para este fin se integraron en plataformas como, por exemplo, Coursera, edX, Iversity ou MiriadaX, que proporcionan ferramentas aos creadores de MOOC e axudan a xestionar a participación dun número elevado de destinatarios.

Existen dous tipos de MOOCs. Os denominados cMOOCs baséanse na idea da aprendizaxe distribuída en rede e poñen a énfase na conexión entre os aprendentes, que buscan información, xeran coñecemento e o comparten. Os xMOOCs, moito máis habituais, presentan elementos máis tradicionais, tales como a presentación de contidos en forma de breves vídeos, probas de autoavaliación e colaboración entre os participantes cunha intervención limitada dos docentes.

As vantaxes desta modalidade de ensino residen fundamentalmente na flexibilidade, que permite adecuar o ritmo de aprendizaxe, os contidos e a selección de competencias desenvolvidas aos intereses e posibilidades de cada estudante, a ampla oferta de material multimedia, que os fai atractivos para diferentes estilos de aprendizaxe, e a avaliación entre pares, que fomenta o espírito crítico e a responsabilidade individual. Doutra banda, o seu aproveitamento óptimo esixe un grao elevado de autonomía do estudante, dada a, a miúdo, total ausencia de titorización, ademais dunha competencia técnica mínima e acceso adecuado á rede.

Entre as críticas de que foron obxecto están a falta de profundidade e rigor de moitos cursos, o principio incuestionado dun sistema de ensino baseado na distribución de información ou o alto índice de abandonos que adoita darse nestes cursos, tanto maior canto menores son os niveis de motivación e madurez do discente. Outra crítica habitual é o seu elevado etnocentrismo: dado que moitos MOOCs son organizados por institucións occidentais, se observa unha notable falta de interese e sensibilidade por temas relacionados con outras áreas xeográficas e culturas. Por outra banda, dado que moitos destes cursos se imparten en inglés, iso xera problemas de comprensión e participación para aqueles participantes que non son falantes nativos deste idioma ou que non comparten a concepción occidental dos roles de profesor e alumno.

Os MOOCs en segundas linguas son aínda escasos e a maioría oriéntanse cara á aprendizaxe do inglés. Un curso deste tipo pode funcionar autonomamente, como único recurso de aprendizaxe, ou formar parte dun proxecto de aprendizaxe mixta (blended learning). As escasas experiencias acumuladas ata a data indican unha serie de problemas recorrentes nos MOOCs enfocados á aprendizaxe de linguas. Un deses problemas son as escasas posibilidades de interacción ou de intercambios auténticos que ofrecen aos participantes, e mesmo entre o docente e os discentes, o que limita drasticamente o desenvolvemento de destrezas asociadas ao uso práctico da lingua, en contra do enfoque comunicativo no ensino de linguas estranxeiras actualmente imperante. Ademais, dada a heteroxeneidade dos participantes neste tipo de actividades, con niveis de coñecemento do idioma ou experiencias, necesidades e estilos de aprendizaxe moi diversos, se requiere unha personalización da docencia que resulta difícil ofrecer neste tipo de cursos masivos. Os MOOCs fan fronte a esta heteroxeneidade minimizando as normas de participación, esixencias sobre prazos, etc., o que, paradoxalmente, xera altos índices de abandono. Outra debilidade a miúdo observada nos MOOCs de idiomas (e en xeral) ten que ver coa falta de formación específica do persoal discente no tipo de habilidades e estratexias específicas requiridas para o desenvolvemento de actividades formativas deste tipo. Trátase, en todo caso, dunha aprendizaxe informal e non regrada cuxa acreditación resulta  controvertida, aínda que a maioría das plataformas adoitan incluír opcións de pago con certificación final.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Dixon, E. & Thomas, M. (eds.) 2015. Researching language learner interactions online: From social media to MOOCs (CALICO Monograph Series, Volume 13). San Marcos, Texas: Computer Assisted Language Instruction Consortium (CALICO).

Heinsch, B. & Rodríguez Pérez, M. N. 2015. "MOOC: A new teaching/learning scenario for foreign languages". @ tic revista d'innovació educativa 14: 1-12.

Martín Monje, E. & Bárcena, E. (eds.) 2014. Language MOOCs. Providing Learning. Transcending Boundaries. Berlin: De Gruyter.

Varela Salinas, M. J. & Burbat, R. 2017. "MOOC y el aprendizaje de una lengua extranjera: Back to the future?Revista de Lingüística y Lenguas Aplicadas 12: 151-159.

Vázquez Cano, E.; López Meneses, E. & Sarasola Sánchez-Serrano, J. L. 2013. La expansión del conocimiento en abierto: los MOOC. Barcelona: Ediciones Octaedro.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
MOOC
Inglés: 
MOOC
Francés: 
MOOC
Alemán: 
MOOC
Italiano: 
MOOC
Portugués: 
MOOC
Ruso: 
МООК (Массовые открытые онлайн курсы)
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/mooc, con data de acceso 09/10/2024).