Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Aprendizaxe mixta

Definición:

Método de ensino-aprendizaxe que consiste na combinación de elementos propios dun curso presencial con outros característicos do ensino virtual. En certo sentido, é o resultado natural e  esperable da evolución dos métodos pedagóxicos nun contexto de rápido desenvolvemento da Internet e as tecnoloxías da información e a comunicación en xeral. A incorporación de ferramentas e recursos didácticos dispoñibles a través da rede é neste momento moi habitual en case calquera contexto de aprendizaxe. O modo e a intensidade coa que esta integración se produce dependen en boa medida das preferencias e as necesidades específicas do docente e os  discentes. En principio, o carácter híbrido dun curso pode concretarse en case calquera aspecto da súa organización. Existen, por exemplo, ferramentas e contornas virtuais que facilitan a xestión do ensino no que respecta á organización dos alumnos en grupos, a entrega e devolución de tarefas comentadas, etc. A explicación de contidos tamén pode verse potenciada con recursos multimedia que permitan que unha parte significativa da aprendizaxe teña lugar fóra da aula (véxase clase invertida). A avaliación, a autoavaliación e mesmo a avaliación entre compañeiros pode realizarse a través de probas en liña dispoñibles en plataformas virtuais de ensino que están hoxe á orde do día. Finalmente, existen multitude de ferramentas de comunicación, tales como chats, foros de discusión, correo electrónico, etc. que facilitan a interacción entre os participantes nun curso e contribúen a crear un sentido de comunidade que pode estenderse máis aló da aula.

A introdución das novas tecnoloxías na aula resulta en si mesma unha fonte adicional de motivación e facilita o desenvolvemento de destrezas relacionadas coa comunicación e a xestión da información cada vez máis necesarias no mundo laboral actual. Incrementa ademais a flexibilidade da proposta docente, ao facilitar o acceso personalizado aos contidos e actividades dun curso e enriquecer a variedade de estratexias de aprendizaxe ás que se adapta. Esixe, doutra banda, unha competencia técnica mínima por parte de todos os implicados e acceso adecuado aos medios, condicións que poden non darse en grao suficiente en todos os contextos.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Allan, B. 2007. Blended learning: Tools for teaching and training. London: Facet Publishing.

Bonk, C. J. & Graham, C. R. (eds.) 2006. The handbook of blended learning: Global perspectives, local designs. San Francisco: John Wiley & Sons.

Schmidt, K. 2004. "A Model to Integrate Online Teaching and Learning Tools into the Classroom". Journal of Technology Studies 30/2: 86-92.

Thorne, K. 2003. Blended learning: How to integrate online and traditional learning. London: Kogan Page Publishers.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Aprendizaje mixto
Inglés: 
Blended learning
Ruso: 
Смешанное обучение
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/aprendizaxe-mixta, con data de acceso 18/01/2025).