Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Contorna virtual de aprendizaxe

Definición:

Conxunto de aplicacións informáticas que configuran un espazo accesible a través da rede, ou aula virtual, no que se poden levar a cabo actividades educativas. No estado de desenvolvemento actual da sociedade da información, un docente pode construír unha contorna deste tipo facendo uso de ferramentas dispoñibles libremente na chamada web 2.0, que permiten compartir contidos multimedia e interactuar con outros usuarios. Con todo, é máis habitual que as institucións educativas instalen nos seus servidores algunha das plataformas de aprendizaxe virtual existentes, xa sexan comerciais (por exemplo, Blackboard) ou gratuítas e baseadas en código aberto (como a moi popular Moodle), e dean acceso a docentes e discentes por medio dun sistema de contrasinais. Os cursos creados neses espazos virtuais poden empregarse como alternativa ou como complemento ao ensino presencial.

As plataformas de aprendizaxe proporcionan ás docente ferramentas de moi diverso tipo para crear unha aula virtual e adaptala aos obxectivos do seu curso e ás necesidades dos discentes. Nestes sistemas son posibles, entre moitas outras, funcións como as seguintes: organizar aos estudantes en grupos; programar actividades e enviar notificacións; compartir contidos en múltiples formatos (por exemplo, textos, imaxes estáticas, audio ou vídeo); encargar, recoller e devolver tarefas; facer un seguimento regular do rendemento dos discentes, á vez que lles permite practicar o aprendido, por medio de probas de avaliación autocorrixidas; xerar espazos de diálogo tanto sincrónico como asincrónico por medio de foros, chats ou aplicacións similares; ou facilitar o traballo colaborativo e a avaliación entre compañeiros, a través de talleres, wikis, creación de bases de datos, entre outros.

Ben utilizadas, as contornas virtuais de aprendizaxe son, pois, espazos que favorecen a autonomía e iniciativa do estudante, ao flexibilizar o acceso aos recursos e diversificar as estratexias de aprendizaxe. Son tamén propicios á aprendizaxe colaborativa e á adquisición de destrezas relacionadas co manexo das novas tecnoloxías e as habilidades comunicativas.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Calvo Lajusticia, J. 2015. El aula Moodle: aprender y enseñar en la UB. Barcelona: Octaedro-Universitat de Barcelona, Institut de Ciències de l'Educació.

Rodríguez Gallego, M. R. & López Martínez, A. 2013. "Entorno virtual de aprendizaje compartido en Educación Superior". REDU: Revista de Docencia Universitaria 1/11: 411-428.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Entorno virtual de aprendizaje
Inglés: 
Virtual Learning Environment (VLE)
Ruso: 
Виртуальная среда обучения
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/contorna-virtual-aprendizaxe, con data de acceso 08/11/2024).