Hornby, A. S. 1970. “The Situational Approach to Language Teaching.” English Language Teaching 4: 98-104, 1.212-1.228 & 150-156.
Palmer, Hornby e outros expertos británicos en lingüística aplicada de comezos do século XX desenvolveron unha aproximación ao ensino de linguas estranxeiras que incluía principios de selección do material léxico e gramatical que se pretendía ensinar, criterios de gradación dos contidos e, para rematar, liñas mestras para a presentación de todo este material a modo de técnicas a utilizar na aula. Este enfoque distinguíase do método directo por posuír unha estrutura e organización interna da que o anterior carecía. As principais características desta metodoloxía son as seguintes:
- A lingua meta é a lingua que se utiliza na aula de forma exclusiva.
- Os contidos lingüísticos novos preséntanse e practícanse de forma situacional, é dicir, de acordo cunha situación que se simula artificialmente. A situación confórmase como a peza central desta metodoloxía. O uso de obxectos concretos, cadros e fotografías, xunto cos movementos e xesticulación do docente serven para ensinar os novos significados e contidos lingüísticos.
- Préstase especial atención á lingua falada. Só se introduce a lingua escrita cando a lingua falada se practicou o suficiente.
- O ensino da gramática organízase de acordo co seu grao de dificultade de tal modo que as formas ou estruturas simples son presentadas ao estudante antes que as complexas.
- As destrezas de comprensión e expresión escrita son incorporadas nos programas unha vez que o alumnado xa posúe a suficiente base léxica e gramatical.
- A repetición oral individual e en coro, xunto cos ditados e os exercicios mecánicos de substitución e de pregunta-resposta son as técnicas máis comúns empregadas nas clases que seguen esta metodoloxía.
- O tipo de programa utilizado é de carácter estrutural, é dicir, está baseado nunha serie de estruturas e patróns sempre integrados dentro de unidades máis longas.
Esta metodoloxía, moi en boga en 1950 e 1960, tamén se coñece como aproximación oral, aínda que Hornby prefire denominala situacional.
Palmer, H. E. 1940. The Teaching of Oral English. London: Longman.
Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.
Sánchez Pérez, A. 2009. La enseñanza de idiomas en los últimos 100 años. Métodos y Enfoques. Madrid: SGEL.