Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Ditado

Definición:

Tipo de proba ou exercicio no que o docente le un texto que os discentes han de transcribir. Normalmente realízanse tres lecturas, a primeira a velocidade normal, a segunda divídese en fragmentos separados por pausas, momento no que os estudantes han de poñer por escrito o que escoitan e, para rematar, unha terceira na que o docente repite o ditado a velocidade normal para que os discentes poidan revisar o xa escrito. Díxose que o ditado, como a proba de encher ocos, require que o discente posúa unha serie de destrezas gramaticais e discursivas, polo que os seus resultados tenden a reforzar con certeza os doutras probas de aptitude. Ademais, a boa realización dun ditado esixe do estudante unha boa comprensión oral e escrita, un uso adecuado da memoria a curto prazo e, como complemento, botar man do contexto de forma eficaz. Ademais do ditado tradicional, existen outras variantes como o ditado de debuxos. O ditado é unha das funcións máis comúns da aprendizaxe de linguas asistida por ordenador, resultado dos avances na sintetización da fala. O ditado automático posúe evidentes vantaxes tales como a posibilidade de axustar a actividade ás necesidades concretas de cada aprendiz, por exemplo, repetindo a lectura tantas veces como sexa necesario, ou modificando a calidade da voz (masculina ou feminina) ou a velocidade de lectura.

Bibliografía: 

Davis, P. & Rinvolucri, M. 1988. Dictation: New Methods, New Possibilities. Cambridge: Cambridge University Press.

Oller, J. 1979. Language Tests at School. London: Longman.

Waynryb, R. 1990. Grammar Dictation. Oxford: Oxford University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Dictado
Inglés: 
Dictation
Francés: 
Dictée
Alemán: 
Diktat
Italiano: 
Dettato
Polaco: 
Dyktando
Portugués: 
Ditado
Ruso: 
Диктант
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/ditado, con data de acceso 24/04/2024).