Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Enfoque por tarefas

Definición:

metodoloxía de ensino de linguas estranxeiras que gozou de bastante difusión nos últimos anos. Como outros métodos recentes, pretende desenvolver a competencia comunicativa do alumnado. A súa unidade organizativa xira ao redor do que se denomina tarefa, entendendo esta como a realización dunha ou varias actividades co propósito de alcanzar un obxectivo establecido previamente.

Existen distintas modalidades do ensino mediante tarefas que se diferencian fundamentalmente polo tipo de interacción xerada entre profesor e alumnado, e polo grao de participación deste último na toma de decisións sobre os obxectivos e as actividades que se deberán realizar. No caso dalgunhas propostas (por exemplo, Prabhu, 1987) as leccións concíbense como unha secuencia de actividades (tarefas) que requiren a utilización de razoamentos e a expresión de significados cada vez máis complexos e a través das cales os estudantes deben alcanzar un obxectivo determinado (por exemplo, interpretar un horario de trens ou fixar unha ruta no plano dunha cidade). O docente controla todo o proceso e propón actividades específicas para resolver os problemas comunicativos que o alumnado atopa en cada paso. Noutras ocasións o profesor traballa cunha serie de tarefas ben engarzadas que constitúen o que se denomina un proxecto (Ribé e Vidal, 1995), por exemplo, elaborar un xornal da clase ou dramatizar un conto. Neste caso, o alumnado desempeña un papel moito máis activo, tomando decisións xunto co profesor sobre os obxectivos, o plan de traballo, así como sobre os resultados obtidos.

Neste tipo de ensino, o alumnado ocupa o centro de interese e téndense a incorporar as experiencias persoais e os coñecementos previos do discente ao ensino, apelando á súa imaxinación e creatividade. Cabe apuntar, para rematar, que o achegamento á lingua estranxeira faise de xeito global, e non meramente secuencial, de acordo coas necesidades creadas pola propia tarefa.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Estaire, S. & Zanón Gómez, J. 1990. “El diseño de unidades didácticas mediante tareas. Principios y desarrollo.” Comunicación, Lenguaje y Educación 7: 35-57.

Estaire, S. 1990. “La programación de unidades didácticas a través de tareas.” Cable 5: 28-39.

Prabhu, N. 1987. Second Language Pedagogy. Oxford: Oxford University Press.

Ribé Queralt, R. (con la colaboración de Celaya Villanueva, M. L., Ravera Carreño, M., Rodríguez, F., Tragant Mestres de la Torre, E. & Vidal Llorens, N.). 1997. Tramas creativas y aprendizaje de lenguas. Barcelona: Universitat de Barcelona.

Ribé Queralt, R. & Vidal Llorens, N. 1995. Enseñanza de la lengua extranjera en la Educación Secundaria: Agenda práctica para aprender y enseñar una lengua extranjera en la ESO. Madrid: Alhambra Longman.

Sánchez Pérez, A. 2009. La enseñanza de idiomas en los últimos 100 años. Métodos y Enfoques. Madrid: SGEL.

Willis, J. 1996. A Framework for Task-Based Learning. London: Longman.

Zanón Gómez, J. 1999. La enseñanza del español mediante tareas. Madrid: Edinumen.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enfoque por tareas
Inglés: 
Task-based approach
Francés: 
Approche par tâches
Alemán: 
Aufgabenorientierter Ansatz
Italiano: 
Approccio basato su compiti specifici/su attività specifiche
Portugués: 
Abordagem baseada em tarefas
Ruso: 
Подход основанный на задачах
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/enfoque-tarefas, con data de acceso 28/04/2024).