Guilford, J. P. & Strom, R. D. 1971. Creatividad y educación. Barcelona: Paidós.
Capacidade para producir ideas novas ou orixinais, así como desenvolver outras xa concibidas de antemán.
O hemisferio cerebral esquerdo ten un comportamento lóxico, verbal, temporal, analítico e concreto; o dereito, en cambio, é responsable das percepcións espaciais e as sensacións. Os programas educativos adoitan poñer case toda a súa énfase na adquisición de habilidades controladas polo hemisferio cerebral esquerdo, é dicir, o hemisferio encargado do que se denomina a intelixencia. Supúñase que ao cultivar a intelixencia, a creatividade se desenvolvería por si soa, cando en realidade a creatividade, que se desenvolve no hemisferio dereito, precisa doutro tipo de estímulo e educación.
Guilford e Strom (1971) consideran que o tipo de comportamento necesario no mundo de hoxe é o creativo, capaz de chegar a conclusións novas e resolver problemas de forma orixinal. A elaboración de programas escolares equilibrados que ofrezan actividades para estimular os dous hemisferios cerebrais é de grande importancia. As técnicas plásticas poden propiciar o desenvolvemento do potencial creativo ademais doutras actividades que se poden realizar en todas as materias como, por exemplo, a chuvia de ideas, mapas conceptuais, crucigramas, sopas de letras, actividades de baleiro de información e baleiro de opinión, e procesos de composición.
A noción de creatividade posúe varias dimensións na aprendizaxe de linguas. En primeiro lugar, a creatividade é un trazo intrínseco do uso da lingua estranxeira por parte do aprendiz, quen cos seus medios limitados experimenta en todo momento coa gramática e o vocabulario da lingua estranxeira, un proceso crucial para a eventual aprendizaxe do idioma. En segundo lugar, está a creatividade en tanto que característica do ensino das linguas. O profesor creativo posúe características tales como a flexibilidade, a disposición para asumir riscos e experimentar con novas maneiras de enfocar o ensino, o uso innovador das novas tecnoloxías ou a capacidade para estimular e premiar a creatividade dos aprendices. Nas prácticas concretas da aula, por exemplo, a creatividade pasa por propoñer actividades comunicativas que non poñan a énfase na repetición ou na mera transmisión de información e si en intercambios que xeren debate grupal, exploración de ideas e coñecemento.
Jones, R. H. & Richards, Jack C. 2015. Creativity in Language Teaching: Perspectives from Research and Practice. London: Routledge.
Prado, D. 1998. 10 actividades creativas. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.
Ribé Queralt, R. (con la colaboración de Celaya Villanueva, M. L., Ravera Carreño, M., Rodríguez, F., Tragant Mestres de la Torre, E. & Vidal Llorens, N.). 1997. Tramas creativas y aprendizaje de lenguas. Barcelona: Universitat de Barcelona.
Robinson, K. & Aronica, L. 2015. Escuelas creativas. Madrid: Grijalbo.