Slagter, P. J. 1979. Un nivel umbral. Estrasburgo: Publicaciones del Consejo de Europa.
Termo (traducido do orixinal en inglés Threshold Level) que ten a súa orixe nos anos 70 do século XX. Nun documento con este mesmo título establecíase o primeiro compoñente dun modelo de ensino de linguas estranxeiras baseado nun sistema de unidades / créditos que estaba dirixido principalmente á formación de adultos europeos. Concibíase como un obxectivo básico que puidese ser aceptado por todos os países membros do Consello de Europa.
O nivel soleira, tal como foi definido por Van Ek (1975), é o nivel mínimo esixido que debe alcanzar unha persoa que está estudando unha segunda lingua. Van Ek, xunto con outros especialistas como Trim e Wilkins, desenvolveron para a lingua inglesa un inventario a modo de programa que recolle actividades, funcións, nocións (específicas e xerais), situacións, temas ou centros de interese, e graos ou niveis de habilidade. Por exemplo:
- Funcións lingüísticas para o nivel soleira:
Impartir e buscar información real.
- Identificar (pronomes demostrativos, adxectivos demostrativos, etc.).
- Relatar ou contar algo, incluíndo describir e narrar (oracións declarativas, cláusulas rexidas por verbos de fala, etc.).
- Corrixir (os mesmos expoñentes que no caso anterior, oracións negativas con not, etc.).
- Preguntar (oracións interrogativas, oracións declarativas con entonación ascendente, etc.).
- Nocións:
- Existencial.
- Espacial.
- Temporal.
- Cuantitativa.
A partir deste modelo deseñáronse posteriormente outros programas para a maior parte das linguas dos demais países integrados no Consello de Europa. Os traballos realizados por este organismo nesa dirección tiveron grande importancia para o deseño dos programas funcionais-nocionais. A versión en español do Threshold Level titúlase Un nivel umbral e foi elaborada por J. P. Slagter (1979). A versión en galego, O nivel soleira, do ano 1993, correu a cargo de Fernández Salgado, Monteagudo e Puga, dentro das actividades do instituto da lingua galega.
Van Ek, J. A. & Alexander, L. G. 1975. Threshold Level English. Oxford: Pergamon Press.
Van Ek, J. A. 1975/1976. The Threshold Level. Strasbourg: Council of Europe.
Van Ek, J. A. 1976. The Threshold Level for Modern Foreign Languages. Strasbourg: Council of Europe.