Krashen, S. D. 1981. Second Language Acquisition and Second Language Learning. Oxford: Pergamon Press.
Teoría de adquisición de segundas linguas formulada por Krashen (1981, 1985). Está considerada como unha das máis completas e neste momento resulta tamén unha das máis difundidas. Baséase en cinco hipóteses ou principios fundamentais:
- A hipótese da adquisición fronte á aprendizaxe. Para Krashen, o proceso de adquisición acontece de forma inconsciente como resultado da participación nos actos de comunicación natural, nos que se presta máis atención ao significado que á forma. Pola contra, o proceso de aprendizaxe xorde como produto do estudo consciente das propiedades formais da lingua meta.
- hipótese da orde natural. Os aprendices dunha segunda lingua seguen na súa aprendizaxe unha orde máis ou menos invariable e común a todos eles. Isto quere dicir que as estruturas gramaticais son aprendidas nunha orde previsible.
- hipótese do monitor. Esta hipótese dá nome a todo o modelo. De acordo con ela, os propios aprendices poden modificar e corrixir a súa produción lingüística mediante o uso do monitor. Krashen mantén que se deben dar tres circunstancias para que a utilización do monitor sexa efectiva: tempo suficiente, maior atención á forma que ao significado e coñecemento da regra.
- información de entrada ou input. O proceso de adquisición só terá lugar cando o aprendiz estea exposto a un aducto ou información lingüística dun grao superior ao seu nivel de competencia lingüística. Krashen represéntao como i(nput)+1.
- hipótese do filtro afectivo. Esta hipótese trata de explicar o papel dos factores afectivos na aprendizaxe dunha segunda lingua. O filtro afectivo controla a cantidade de input á que está exposto o aprendiz, así como o tipo de datos lingüísticos que realmente asimila. Os alumnos cunha motivación alta e con gran confianza en si mesmos mostran normalmente uns filtros afectivos baixos mentres que no caso dos estudantes desmotivados e inseguros o filtro mantense alto e, como consecuencia, o grao de input e asimilación é realmente baixo.
Ademais destes cinco axiomas básicos, Krashen define tamén outras variables que serven para completar as hipóteses anteriores. Entre elas destacamos as seguintes:
- A aptitude lingüística está relacionada co proceso de aprendizaxe, mentres que a actitude está vinculada ao proceso de adquisición.
- A L1 non interfire co proceso de adquisición dunha segunda lingua; ao contrario, pode ser utilizada como un recurso didáctico máis na aprendizaxe.
- A idade inflúe no proceso de adquisición de formas diversas: a cantidade de input comprensible que o alumno obtén e asimila pode verse condicionada por este factor. A idade afecta así mesmo o proceso de aprendizaxe, xa que os adultos están mellor preparados mentalmente para o estudo dos aspectos formais da lingua que os máis novos. A idade condiciona igualmente o estado afectivo do aprendiz, xa que despois da puberdade é probable que o filtro afectivo se faga máis forte e, como consecuencia, o nivel de input comprensible sexa menor.
Entradas relacionadas:
Bibliografía:
Krashen, S. D. 1985. The Input Hypothesis: Issues and Implications. Harlow: Longman.