Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Ensino do vocabulario

Definición:

Selección e presentación de léxico para que o alumnado o poida aprender. Existen moitas maneiras de acometer este ensino pero, en xeral, non se trata de aprender unha palabra e traducila por outra no seu propio idioma. A miúdo, un novo elemento léxico consiste en máis dunha palabra, por exemplo, en inglés departure gate (“porta de saída”) ou check in (“facturación”). Tampouco se poden traducir expresións idiomáticas separando os seus compoñentes porque o significado obtense da expresión completa como, por exemplo, en inglés to put up with someone (“tolerar alguén”) ou to be a bit wet behind the ears (“ser inocente ou inxenuo polos poucos anos e/ou experiencia que un ten” e non literalmente “estar un pouco húmido detrás das orellas”). Por iso é necesario ensinar o vocabulario tendo en conta os distintos aspectos do significado. Entre eles podemos destacar os seguintes:

  1. A denotación, é dicir, o tipo de definición que un termo recibiría nun dicionario.
  2. A connotación ou as asociacións que ese vocábulo evoca e que se cadra non se atopan definidas nun dicionario. Así, por exemplo, en alemán Wald (“bosque / selva”) ten connotacións ausentes nos termos españois correspondentes. A palabra verán, aparte de designar unha estación, ten connotacións relacionadas co descanso, a diversión, a praia, etc.
  3. O grao de adecuación para cada situación. O estudante necesita saber se unha palabra é moi común, tabú ou formal. Desa forma terá unha idea mellor de cando é apropiado o seu uso.

Convén que o alumnado sexa consciente de que gran parte do vocabulario que se ensina a un principiante é para o seu uso activo mentres que, en certa medida, a partir dun nivel intermedio o novo vocabulario que se aprende é para un uso pasivo.

O primeiro paso na presentación do novo elemento léxico é a explicación do seu significado. Pódese facer utilizando as técnicas seguintes:

  1. unha demostración a través de mimo ou xestos;
  2. utilización de obxectos reais (realia), debuxos, fotografías, xoguetes, recortes de xornais e revistas, etc.;
  3. gravacións de sons que son facilmente identificables cun obxecto concreto, por exemplo, a chuvia, unha ducha, unha serra mecánica ou manual, un can ladrando, etc.;
  4. unha explicación na segunda lingua; e
  5. unha tradución na lingua materna cando a explicación do significado é demasiado complicada na segunda lingua.

A explicación do significado dunha soa palabra non é sempre suficiente. O contraste entre significados é tamén importante e axuda á comprensión e retención do léxico. Así, por exemplo, cando se ensina a palabra inglesa tree (“árbore”), pódese ensinar bush (“arbusto”) ao mesmo tempo. Un debuxo sinxelo na pizarra facilita a comprensión e memorización das dúas palabras.

Para que o léxico sexa máis fácil de recordar pódese presentar en grupos semánticos, por exemplo, as cores, os nomes dos membros da familia, profesións, partes do corpo ou da casa, froitas, etc.

A capacidade do alumnado para utilizar o vocabulario depende da súa habilidade para conectar aspectos gramaticais con unidades léxicas. Por esta razón tamén ten sentido ensinar palabras que estean relacionadas por algunha cuestión gramatical e non só pola súa conexión temática. Un exemplo sería a story by… (“un conto de…”), a story for… (“un conto para...”), e a story about (“un conto sobre…”), e non soamente a palabra story (“conto”) de forma illada.

Unha vez presentado e practicado o vocabulario, é importante repasar e consolidalo para que quede activo na memoria. A este respecto podemos mencionar as actividades seguintes:

  1. Buscar a palabra que sobra dunha lista dada, o que se coñece en inglés como odd word out (palabra intrusa).
  2. Comezar unha lista dun grupo de palabras para que o alumnado continúe coa serie. Tomemos como exemplo as seguintes en italiano e alemán:

gennaio, febbraio, … (séguense engadindo os meses do ano).

Schrecklich, wunderbar, … (séguense engadindo adxectivos de opinión).

  1. Emparellar palabras en dúas columnas pola súa colocación semántica. Consideremos o caso seguinte en francés:



train

avion

autobus

aéroport

gare d’autobus

gare

  1. Actividades con baleiro de información, por exemplo, xogos como o pictionario. Divídese a clase en equipos; un membro do equipo debuxa o vocábulo que vén escrito nun cartón para que os demais no seu equipo poidan adiviñar o que está escrito. Ao estudante que debuxa non se lle permite nin falar nin facer mímica, simplemente segue debuxando ata que os seus compañeiros adiviñan de que palabra se trata. O primeiro equipo en acertar todos os vocábulos é o gañador.
Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Barcroft, J. 2015. Lexical Input Processing and Vocabulary Learning. Language Learning and Language Teaching 43. Amsterdam:John Benjamins

Lewis, M. & Hill, J. 1993. Source Book for Teaching English as a Foreign Language. Oxford: Heinemann.

McCarthy, M. 1990. Vocabulary. Oxford: Oxford University Press.

Morgan, J. & Rinvolucri, M. 1986. Once upon a Time: Using Stories in the Language Classroom. Cambridge: Cambridge University Press.

Thornbury, S. 2002. How to Teach Vocabulary. Harlow: Pearson Education Limited.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enseñanza del vocabulario
Inglés: 
Teaching vocabulary
Francés: 
Enseignement du vocabulaire
Alemán: 
Wortschatzvermittlung
Italiano: 
Insegnamento del vocabolario
Polaco: 
Nauczanie słownictwa
Portugués: 
Ensino de vocabulário
Ruso: 
Обучение лексике
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/ensino-vocabulario, con data de acceso 26/04/2024).