Hatch, E. M. & Brown, C. 1995. Vocabulary, Semantics and Language Education. Cambridge: Cambridge University Press.
Capacidade que posúe un individuo para producir o seu propio discurso falado ou escrito. Fronte a este, a capacidade para entender as mensaxes emitidas por outros falantes constitúe o seu coñecemento lingüístico pasivo. Os estudos neste campo céntranse sobre todo no vocabulario. Así pois, fálase de vocabulario pasivo ou receptivo e de vocabulario activo ou produtivo. O vocabulario receptivo engloba aquelas palabras que un falante recoñece e entende nun determinado contexto (oral ou escrito), pero que non forman parte do seu repertorio produtivo, ben porque só coñece parcialmente o seu significado (ou é capaz de recoñecer o seu significado só dentro de certos contextos), ben porque descoñece as restricións sintácticas ás que están suxeitas (regras de colocación ou concorrencia), e se son ou non adecuadas a un determinado rexistro ou situación comunicativa. Estas palabras forman parte do léxico básico pasivo do falante. Por vocabulario produtivo enténdese as palabras que o falante é capaz de producir e empregar correctamente e de xeito creativo tanto a nivel oral como escrito.
Aínda que esta distinción é defendida por diversos autores, outros propoñen a existencia dun continuo na aprendizaxe do vocabulario (tanto na L1 como na L2) no que as unidades léxicas se distribúen segundo o control e coñecemento das mesmas que teña cada falante, de maneira que este efectúa a selección do vocabulario adecuado para cada situación comunicativa de acordo coas súas necesidades, os seus desexos, motivación, cuestións estilísticas, etc., e non só en función de criterios de maior ou menor coñecemento das devanditas unidades. Esta hipótese do continuo na aprendizaxe de vocabulario apóiase no feito de que existen gran cantidade de palabras nunha lingua que os seus falantes entenden pero non usan por razóns dialectais, de rexistro (formal, coloquial, vulgar), ou porque non pertencen ao seu idiolecto. Este é o caso, por exemplo, de palabras tabú, expresións empregadas por xeracións anteriores e que falantes máis novos xa non utilizan, ou vocabulario específico de profesións ou áreas de estudo concretas.
Sábese que o vocabulario pasivo dun falante nativo adoita superar ao vocabulario activo. Estímase que mentres o primeiro pode alcanzar as 100.000 palabras, o segundo é moito máis limitado, oscilando entre 10.000 e 20.000 palabras. No ensino de linguas estranxeiras un vocabulario activo de entre 3.000 e 5.000 palabras e un pasivo de entre 5.000 e 10.000 considérase xa dentro do nivel medio ou medio-alto de dominio lingüístico.
Milton, J. 2009. Measuring Second Language Vocabulary Acquisition. Bristol: Multilingual Matters.