De Miguel Díaz, M. (dir.) 2004. Adaptación de los Planes de Estudio al proceso de Convergencia Europea. Madrid: Dirección General de Universidades, Ministerio de Educación, Cultura y Deporte.
Abreviatura inglesa de European Credit Transfer and Accumulation System, é dicir, “Sistema europeo de acumulación e transferencia de créditos”. Un dos obxectivos estratéxicos do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) é a adopción dun sistema de créditos que facilite a mobilidade do alumnado, os denominados créditos ECTS. Neste novo sistema (xerado a partir de programas de mobilidade de estudantes como o Erasmus) contabilízanse as horas totais de dedicación dos estudantes á materia, é dicir, tanto as horas lectivas como as destinadas ao estudo, realización de actividades propostas, titorías e avaliación. Estímase así que un crédito ECTS equivale a unhas 25 ou 30 horas de traballo total do alumnado. Os créditos ECTS enmárcanse nun sistema de ensino completamente centrado nos estudantes e no seu proceso de aprendizaxe. Esta reorientación do proceso de ensino cara ao alumnado supón novas esixencias para estudantes e profesores. Para os docentes implica a creación de contornas que estimulen a aprendizaxe e o establecemento de estratexias e pautas para o seguimento do traballo que o alumnado leva a cabo dentro e fóra da aula. Para os estudantes supón a adquisición dun maior grao de autonomía, responsabilidade e implicación activa na aprendizaxe.
A adaptación dos planos de estudo dunha universidade ao sistema ECTS require a elaboración de catro documentos: o formulario de candidatura para futuros estudantes, o contrato de estudos que deberán asinar as partes implicadas (estudante e universidades de intercambio), a certificación académica, e o catálogo informativo ou guía docente, na que debe figurar toda a información pertinente sobre a institución, requisitos de acceso, titulacións, planos de estudo e materias. Un dato a ter en conta con respecto ao novo deseño curricular é que os obxectivos non se formulan en termos de contidos, senón de competencias e destrezas que o estudante ten que desenvolver nas diferentes materias, ben de modo lonxitudinal ou transversal.
Directorate-General for Education and Culture. 2005. ECTS Users’ Guide. Bruselas. Documento pdf: https://ec.europa.eu/education/ects/users-guide/docs/ects-users-guide_en.pdf.
Real Decreto 1125/2003, de 5 de septiembre, por el que se establece el sistema europeo de créditos y el sistema de calificaciones en las titulaciones universitarias de carácter oficial y validez en todo el territorio nacional. BOE del 18/09/2003.