Appel, R. & Muysken, P. 1987. Language Contact and Bilingualism. London: Edward Arnold.
Fálase de educación bilingüe naqueles casos nos que nunha comunidade na que se empregan dúas linguas de diferente status, a lingua minoritaria é introducida na escola e proporciónanse recursos para o seu ensino. En función dos papeis desempeñados polas distintas linguas e os obxectivos perseguidos, adoitan distinguirse diferentes tipos de programas ou modelos de educación bilingüe. No modelo de transición ou asimilacionista, a lingua minoritaria emprégase como medio de instrución durante os primeiros cursos, sendo posteriormente substituída de forma paulatina pola lingua maioritaria ou lingua dominante. O obxectivo é, pois, facilitarlle ao discente a adaptación ás demandas do sistema educativo nunha sociedade que non fomenta o bilingüismo. O modelo pluralista ou de mantemento propicia, en cambio, o pluralismo lingüístico, e trata de erradicar as actitudes sociais negativas cara á lingua minoritaria. Neste tipo de programas, a lingua minoritaria ten máis importancia que a maioritaria no currículo escolar e emprégase como medio de instrución non só nas etapas iniciais, senón tamén nos cursos máis avanzados. Existe ademais un tipo especial de educación bilingüe dirixido a falantes da lingua maioritaria ou dominante: o ensino por inmersión.
Nalgúns países existen institucións educativas que empregan simultaneamente máis dunha lingua maioritaria ou de prestixio como lingua vehicular, de tal xeito que os alumnos reciben parte da instrución nunha lingua estranxeira. Así, por exemplo, o mandarín e o inglés empréganse conxuntamente nalgunhas escolas en Taiwan, e o luxemburgués, o francés e o alemán en Luxemburgo. Un caso similar é o do alumnado das chamadas Escolas Europeas, fundamentalmente fillos de funcionarios da Unión Europea, que reciben parte da súa instrución na súa lingua materna e parte noutra lingua maioritaria da Unión, podendo escoller entre inglés, francés ou alemán.
Baker, C. 1993. Foundations of Bilingual Education and Bilingualism. Clevedon: Multilingual Matters.
Crawford, J. 1989. Bilingual Education: History, Politics, Theory and Practice. Trenton, NJ: Crane Publishing Company.
García, O. (ed.) 1991. Bilingual Education: Essays in honor of Joshua A. Fishman. Vol. 1. Amsterdam, Philadelphia: John Benjamins.