Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Trastorno da aprendizaxe

Definición:

Este termo xurdiu na década dos 60 do século pasado para designar a dificultade ou alteración que presenta un estudante que, aínda tendo capacidades de aprendizaxe que se consideran normais, ten problemas cos procesos psicolóxicos básicos implicados en certos aspectos da aprendizaxe, como a comprensión e produción de procesos lingüísticos ou matemáticos. Esta dificultade non se debe a problemas ou discapacidades auditivas, visuais, motoras ou mentais, e tradúcese nun rendemento escolar significativamente inferior ao da meirande parte dos alumnos da súa mesma idade.

Nunha grande porcentaxe dos casos son os propios profesores os que detectan a existencia destes trastornos, e son eles tamén os que se deben encargar, dentro do posible e de acordo cos medios de que dispoñan, de proporcionarlles a axuda necesaria para que poidan superalos e integrarse na marcha normal da clase. Para isto, o profesor debe levar a cabo un labor investigador acerca dos estudantes en cuestión, de xeito que poida establecer cal é o problema e as posibles causas do mesmo, modificar ou cambiar os métodos de ensino, adaptar xunto cos devanditos métodos as actividades a realizar polos estudantes e mesmo o material didáctico empregado, e deseñar programas de estudo adaptados ás necesidades dos alumnos, todo isto en colaboración con outros profesionais da docencia ou a psicoloxía e demais persoal de apoio. Non se pode falar dun único método de ensino efectivo para estudantes con este tipo de problemas; o éxito ou fracaso dos mesmos está condicionado por factores como a motivación, a implementación dun reforzo educativo positivo, o estudo en profundidade das características particulares dos síntomas en cada caso, ou o tempo e a atención que se lles adique a estes alumnos. Exemplos de trastornos da aprendizaxe específicos no eido lingüístico son a dislexia e a disgrafia.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Barca Lozano, A., González Cabanach, R. & Muñoz Cadavid, M. A. 1982. Psicología y psicopatología del lenguaje. A Coruña: Editorial Científico Clínica.

Bradley, R., Danielson, L. C. & Hallahan, D. P. 2002. Identification of Learning Disabilities Research to Practice. Mahwah, NJ: Erlbaum.

Gearheart, B. R. & Gearheart, C. J. 1989. Learning Disabilities: Educational Strategies. Columbus: Merrill.

Lerner, J. W. 2000. Learning Disabilities: Theories, Diagnosis and Teaching Strategies. Boston: Houghton Mifflin.

Muñoz Cadavid, M. A. 1996. Psicomotricidade e os problemas da aprendizaxe. Santiago de Compostela: Lea.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Trastorno del aprendizaje
Inglés: 
Learning disability
Francés: 
Trouble de l'apprentissage
Alemán: 
Lernstörung
Italiano: 
Difficoltà di apprendimento
Portugués: 
Dificuldade de aprendizagem
Ruso: 
Неспособность к обучению
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/trastorno-aprendizaxe, con data de acceso 09/10/2024).