Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Técnica para formular preguntas

Definición:

Procedementos utilizados polo profesorado para facer distintos tipos de preguntas. Dado que a formulación de preguntas é unha das técnicas empregadas con máis frecuencia no ensino de linguas, o estudo das preguntas e da conduta do profesorado durante a realización das mesmas é un tema importante na investigación dentro da aula tanto no caso da primeira lingua como da segunda lingua. Algúns dos factores que se teñen analizado son os seguintes:

  1. a frecuencia das preguntas dirixidas e contestadas polo alumnado de maior nivel de competencia lingüística;
  2. a correlación entre a frecuencia de preguntas e o grao de aprendizaxe;
  3. o tempo de espera que o profesor concede aos seus alumnos cando lles formula preguntas;
  4. o xeito en que se formulan as preguntas;
  5. a frecuencia con que o profesorado responde ás súas propias preguntas; e
  6. o tipo de pregunta: pregunta converxente ou diverxente (tamén chamada pechada / aberta).

Dentro do ensino de linguas, o obxectivo principal das preguntas é incitar ao alumnado a que tome parte activa na clase e realice práctica lingüística a través da produción oral. Polo tanto, unha técnica de preguntas que sexa efectiva debe acadar respostas relativamente rápidas, pertinentes e completas. Se as preguntas se converten en silencios longos ou en respostas contestadas só polos alumnos máis avantaxados, esta técnica non é entón a adecuada.

Para que as preguntas sexan realmente efectivas pódense ter en conta os seguintes factores:

  1. Estruturación (tamén chamada claridade). Unha breve explicación do tema, un repaso ou breves instrucións poden orientar ao alumnado e indicarlle o tipo de resposta que o profesorado espera recibir. En definitiva, as preguntas deben ser fáciles de entender.
  2. Valor de aprendizaxe. A pregunta ten que forzar ao alumnado a pensar.
  3. Interese. As preguntas deben motivar e espertar o interese no alumnado.
  4. Relevancia. As preguntas deben dirixirse a todos os membros da clase, non soamente aos mellores estudantes ou aos que se prestan máis a contestalas. Cómpre ter en conta que ao aumentar o tempo de espera permítese que un meirande número deles poida responder.
  5. Extensión. Unha pregunta é efectiva se invita a respostas extensas e variadas.
  6. A reacción do profesorado. Os estudantes deben sentirse seguros de que as súas respostas serán ben recibidas, é dicir, de que en ningún momento o profesor os menosprezará se non acertan a resposta correcta.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Håkansson, G. & Lindberg, I. 1988. "What's the question? Investigating questions in second language classrooms." AILA Review 5: 75-88.

Håkansson, G. 1987. Teacher Talk: How Teachers Modify their Speech when Addressing Learners of Swedish as a Foreign Language. Lund: Lund University Press.

Kearsley, G. 1976. “Questions and Question-Asking in Verbal Discourse: A Cross-Disciplinary Review.” Journal of Psycholinguistic Research 5: 355-375.

Long, M. H. & Sato, C. 1984. “Methodological Issues in Interlanguage Studies: An Interactionist Perspective”, in Davies, A.; Criper, C. & Howatt, A. (eds.). Interlanguage. Edinburgh: Edinburgh University Press, pp. 253-279.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Técnica para formular preguntas
Inglés: 
Questioning technique
Francés: 
Technique pour formuler des questions
Alemán: 
Fragetechnik
Italiano: 
Technique pour formuler des questions
Portugués: 
Técnica de formulação de perguntas
Ruso: 
Техника формулирования вопросов
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/tecnica-formular-preguntas, con data de acceso 08/11/2024).