Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Ensino da pronuncia

Definición:

Tradicionalmente o ensino da pronuncia centrouse de xeito prioritario na práctica da fonoloxía segmental (vogais e consoantes illadas e as súas combinacións) e a fonoloxía suprasegmental (aqueles aspectos que se estenden ao longo de máis dun segmento de son). O enfoque segmental trata de ensinar a percibir e producir sons a través de actividades que os contrastan por medio de pares mínimos. A fonoloxía suprasegmental abarca a acentuación dentro da frase, o ritmo, a entoación, etc. No caso de linguas como o inglés, a complexa relación entre os sons e a súa representación ortográfica é un aspecto adicional que debe ser tido moi en conta á hora de ensinar a pronunciar correctamente. Así mesmo, o ensino da pronuncia inclúe o estudo do Alfabeto Fonético Internacional e as convencións adoptadas para a transcrición fonética e fonolóxica.

Hoxe en día, insístese en que é preciso ter en conta os obxectivos do ensino da pronuncia; podería ser contraproducente insistir en conseguir unha pronuncia “perfecta” ou case nativa cando a maioría dos estudantes non aspiran a iso nin van necesitar máis que unha pronuncia intelixible para conseguir unha comunicación eficaz. Por outra banda, é importante reflexionar sobre os modelos apropiados de dialecto ou variedade lingüística e acento. Aínda que exista un modelo prestixioso que se considera xeralmente como o “mellor” como, por exemplo, o español de Valladolid, o francés parisiense ou a variedade denominada Received Pronunciation (RP) ou o General American (GA) en inglés, o profesor de segundas linguas non debería promover a idea de que un acento determinado é superior a outro; o que si debería fomentar é a aceptación de todos os acentos, ata os dos estranxeiros, con tal de que a pronuncia sexa comprensible.

Na medida do posible, as tarefas de pronuncia deberían integrarse dentro das clases dedicadas á presentación ou á práctica dun aspecto gramatical, unha función ou unha área do vocabulario. As actividades de comprensión oral ou de conversa préstanse especialmente para o ensino da pronuncia, aínda que a práctica de calquera destreza pode dar lugar a ela. Os materiais auténticos presentan modelos naturais de fala e son útiles para demostrar as técnicas utilizadas por falantes nativos para comunicarse con éxito; a este respecto cabe mencionar a acentuación, a entoación, a xuntura e a elisión.

Hoxe en día considérase que se logran mellores resultados deténdose nos aspectos suprasegmentais e non tanto na práctica da pronuncia de sons illados. Aínda que é necesario practicar a fonoloxía segmental, por exemplo, por medio de exercicios con pares mínimos, non queda claro se os sons practicados e perfeccionados de forma illada se logran transferir á expresión oral do discente unha vez que este ten que expresarse nunha situación real. Polo tanto, o ensino da fonoloxía segmental sempre debería estar acompañado da práctica da pronuncia suprasegmental.

En xeral, non se debe considerar o ensino da pronuncia como algo totalmente illado, senón que se debería integrar coa práctica das destrezas orais e coa aprendizaxe de contidos gramaticais ou funcións comunicativas. Por exemplo, para practicar as formas débiles nas sílabas non acentuadas en inglés, unha actividade integrada podería consistir en relacionar fotos de persoas de distintas profesións con frases onde sexa necesario encher ocos. Primeiro practícase o artigo indefinido colocando unha das formas do artigo a/an e o pronombre persoal correspondente he/she. Por exemplo, She’s an engineer (“É enxeñeira”). Logo de escoitar as frases e corrixir as súas respostas, os estudantes volven escoitar e rodean cun círculo unha palabra ou sílaba que se pronuncia co fonema /ə/. Logo de discriminar as sílabas que conteñen unha forma débil, pódese practicar a pronuncia en si.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bowen, T. & Marks, J. 1992. The Pronunciation Book. London: Pilgrims-Longman.

Celce-Murcia, M.; Brinton, D. M. & Goodwin, J. M. 1996. Teaching Pronunciation. A Reference for Teachers of English to Speakers of Other Languages. Cambridge: Cambridge University Press.

Dalton, P. & Seidhofer, B. 1994. Pronunciation. London: Butterworth’s.

Hancock, M. 1995. Pronunciation Games. Cambridge: Cambridge University Press.

Kelly, G. 2000. How to Teach Pronunciation. Harlow: Pearson Education Limited.

Kenworthy, J. 1987. Teaching English Pronunciation. London: Longman.

Laroy, C. 1995. Pronunciation. Oxford: Oxford University Press.

Underhill, A. 1994. Sound Foundations. Oxford: Heinemann.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enseñanza de la pronunciación
Inglés: 
Pronunciation teaching
Francés: 
Enseignement de la prononciation
Alemán: 
Aussprache-Unterricht
Italiano: 
Insegnamento della pronuncia
Polaco: 
Nauczanie wymowy
Portugués: 
Ensino da pronúncia
Ruso: 
Обучение произношению
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/ensino-pronuncia, con data de acceso 25/04/2024).