Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Alfabeto Fonético Internacional (AFI)

Definición:

Coñecido tamén polas súas siglas, AFI (galego e español) ou IPA (inglés), o Alfabeto Fonético Internacional é un repertorio de símbolos fonéticos elaborado e revisado periodicamente pola Asociación Fonética Internacional (tamén AFI), fundada en París en 1886 por un grupo de profesores de linguas modernas de diversos países de Europa occidental. Aínda que inicialmente a idea dun alfabeto internacional foi concibida como un recurso de grande utilidade para o ensino de linguas estranxeiras, moi pronto o obxectivo da asociación converteuse na unificación das convencións de transcrición fonética de todas as linguas do mundo. Desde a primeira versión do alfabeto, a selección de símbolos incluídos foi modificada en diversas ocasións, pero os principios sobre os que se fundamenta mantivéronse no esencial:

  • utilízase o alfabeto latino como base, aínda que se completa nos casos necesarios con letras e símbolos doutras fontes, por exemplo, os caracteres /æ/ (o “ash” da ortografía anglosaxona) ou /ð/ ("eth");
  • o sistema debe conter suficientes símbolos para representar todos os sons que posúen valor distintivo nalgunha das linguas coñecidas, pero empregarase o mesmo símbolo para representar sons similares que non posúen valor distintivo en ningunha lingua; e
  • limítase o emprego de diacríticos ao mínimo imprescindible, reservándoos xeralmente para representar trazos suprasegmentais (acento, duración, entonación, etc.) e variantes alofónicas.

Na actualidade o AFI alcanzou unha extraordinaria difusión e o seu emprego continúa estendéndose, desprazando a convencións de transcrición alternativas tales como a empregada na tradición norteamericana ou, no caso dos países de fala hispana, a proposta pola Revista de Filoloxía Española.

Bibliografía: 

International Phonetic Association. 1999. Handbook of the International Phonetic Association: A Guide to the Use of the International Phonetic Alphabet. Cambridge: Press Syndicate of the University of Cambridge.

Pullum, G. & Ladusaw, W. A. 1986. Phonetic Symbol Guide. Chicago: The University of Chicago Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Alfabeto Fonético Internacional (AFI)
Inglés: 
International Phonetic Alphabet (IPA)
Francés: 
Alphabet Phonétique International (API)
Alemán: 
Internationales Phonetisches Alphabet (IPA)
Italiano: 
Alfabeto Fonetico Internazionale (AFI)
Polaco: 
Międzynarodowy Alfabet Fonetyczny (MAF)
Portugués: 
Alfabeto Fonético Internacional (AFI)
Ruso: 
Международный Фонетический Алфавит (МФА)
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/alfabeto-fonetico-internacional-afi, con data de acceso 06/12/2024).