Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Ensino da literatura

Definición:

O ensino da literatura pode considerarse desde dúas perspectivas: a) o estudo da literatura en si (no contexto dunha L1 ou dunha L2); b) a utilización da literatura como recurso ou medio para ensinar unha lingua estranxeira.

  1. O estudo da literatura en si implica a lectura de obras literarias dentro dun contexto académico de estudos literarios. Supón o ensino e aprendizaxe de conceptos de crítica literaria, convencións literarias, así como a metalinguaxe adecuada referida a termos e conceptos necesarios para falar e escribir sobre literatura. Tal estudo leva aparellado o comentario crítico dun conxunto de textos literarios, a miúdo baixo a luz de distintos métodos críticos de análise: crítica feminista, lingüística, semiótica, marxista, etc. Ademais, pode implicar a adquisición de información sobre a historia da literatura escrita nesa lingua, as súas tradicións, as influencias e relacións que manteñen entre si os seus autores, e os textos / contextos que configuran a cultura literaria do país en cuestión. En grandes liñas, existen tres modelos de ensino da literatura:
    1. o modelo cultural, que contempla o texto como un produto do que o alumnado ha de aprender a extraer información; normalmente, neste modelo estúdase a historia da literatura, máis que a lectura dos textos en si;
    2. o modelo lingüístico, que se asocia con enfoques centrados nos elementos lingüísticos da obra literaria; dáse importancia ao feito de interpretar as relacións entre as formas lingüísticas e o significado literario, así como a aprender a ler entre liñas; un bo exemplo constituiríao a aplicación da estilística á análise de textos literarios; e
    3. o modelo de creación persoal, centrado como o anterior no alumnado; un modelo co que se pretende motivar ao estudante a relacionar temas recorrentes nun texto literario á súa experiencia persoal; en certo xeito, anímase aos estudantes a avaliar o que len para aprender a distinguir por si sos a boa literatura de obras de interese menor.
  2. O papel que desempeñou a literatura foi variando de acordo cos sucesivos cambios paradigmáticos que se produciron nos métodos de ensino de linguas estranxeiras. Algúns métodos de ensino de linguas propuñan que a razón última para aprender unha lingua era que o alumnado puidese ler obras literarias escritas na lingua estranxeira. De feito, o estudo da literatura ocupaba un lugar de relevo no ensino de linguas estranxeiras por outros motivos non menos importantes. En primeiro lugar, considerábase un medio adecuado para introducir ao alumnado na cultura do país de fala estranxeira. Ademais, a lingua literaria considerábase como o modelo máis adecuado para a aprendizaxe. Dábaselle unha importancia maior, polo tanto, á lingua escrita, e a experiencia comunicativa do estudante era escasa. Este era o caso do método da gramática e a tradución. Posteriormente, outros métodos máis comunicativos e funcionais deron maior importancia á lingua falada e aos usos da lingua nas situacións da vida diaria, polo que se consideraba que os textos literarios non eran capaces de suscitar ese tipo de usos lingüísticos. Na actualidade, con todo, obsérvase un crecente interese pola inclusión do compoñente literario como recurso valioso na clase de linguas estranxeiras por varios motivos:
    1. os textos literarios ofrecen unha variedade lingüística e temática sen límites, así como un alto grao de contextualización da lingua;
    2. os textos xeran moitas oportunidades para o debate e a resolución das distintas interpretacións que van aparecendo;
    3. os textos conectan facilmente coas experiencias persoais dos estudantes, polo que poden aumentar a motivación do alumnado; e
    4. traballar con este tipo de materiais didácticos supón un enriquecemento cultural para os lectores.
Bibliografía: 

Basnett, S. & Grundy, P. 1993. Language through Literature. London: Longman.

Brumfit, C. J. & Benton, M. 1993. Teaching Literature. A World Perspective. London: Macmillan Modern English Publications and the British Council.

Carter, R.; Walker, R. & Brumfit, C. J. 1989. Literature and Language Teaching. Oxford: Oxford University Press.

Gilroy, M. & Parkinson, B. 1997. “Teaching Literature in a Foreign Language.” Language Teaching 29: 213-225.

Lazar, G. 1993. Literature and Language Teaching: A Guide for Teachers and Trainers. Cambridge: Cambridge University Press.

Scott-Tennent, C. 1996. “Los contenidos de literatura para futuros maestros de lenguas extranjeras.” Atlantis 18: 379-389.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enseñanza de la literatura
Inglés: 
Teaching literature
Francés: 
Enseignement de la littérature
Alemán: 
Literaturunterricht
Italiano: 
Insegnamento della letteratura
Polaco: 
Nauczanie literatury
Portugués: 
Ensino da literatura
Ruso: 
Обучение литературе
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/ensino-literatura, con data de acceso 13/10/2024).