Bosch, M. & Esteve Ruescas, O. 1999. "Activitats per a desenvolupar la consciència lingüística". Articles de Didàctica de la Llengua i la Literatura 28: 67-82.
Coñecemento explícito sobre a linguaxe e as linguas, e sensibilidade dos falantes cara á natureza da lingua, a súa aprendizaxe e ensino, e comprensión do papel que desempeña na vida dos seres humanos. O termo xorde no Reino Unido nos anos 80 a partir dunha serie de discusións sobre a reforma do currículo no seo da Asociación para a Conciencia Lingüística (ALA, nas súas siglas en inglés), tras detectar que o alumnado terminaba o ciclo de ensino secundario (10 a 14 anos) con problemas de comprensión e produción de textos, tanto na lingua materna como na estranxeira.
No referente á aprendizaxe e ó ensino de linguas, trátase de mellorar o nivel de competencia do estudante na L1, sensibilizándoo sobre o que significan a linguaxe e a comunicación, a adquisición da linguaxe, o uso da lingua, a variación lingüística, etc. Para iso os estudantes deben realizar un traballo consciente e analítico sobre os aspectos formais da lingua materna e da L2, así como sobre as súas semellanzas e diferenzas. Doutra banda, dado que nos colexios británicos unha parte do alumnado utilizaba outras linguas e dialectos ademais do inglés, facíase necesario analizar cos estudantes, en pé de igualdade, cuestións como as variedades lingüísticas utilizadas na súa contorna e as súas culturas.
No campo do ensino de linguas estranxeiras, a conciencia lingüística fomenta a relación entre o coñecemento procedimental (implícito) e o coñecemento declarativo (explícito). O primeiro permitiríalle ao estudante manexarse no uso espontáneo da lingua estranxeira, mentres que o segundo proporcionaríalle os medios para reflexionar sobre a lingua desde un punto de vista máis analítico. Dáse, por tanto, unha visión positiva sobre a conexión entre o coñecemento lingüístico e o uso da lingua. As actividades centradas na conciencia lingüística son de tipo inductivo e reflexivo. Foméntase que o alumno faga explícitas as súas intuicións sobre a organización e o funcionamento do sistema lingüístico. Outras características dun enfoque baseado na conciencia lingüística serían as seguintes:
- combínase a aprendizaxe da lingua e a cultura coas estratexias necesarias para aprender a aprender;
- reflexionar sobre a L2 implica ter en conta as diferenzas e semellanzas nos usos lingüísticos, pragmáticos e culturais entre a L1 e a L2; e
- para fomentar a conciencia lingüística o estudante ten que traballar de forma autónoma, de modo que sexa capaz de descubrir por si mesmo como funciona a lingua (observar, analizar e interpretar os fenómenos lingüísticos).
Outros termos relacionados co de conciencia lingüística son os de consciousness raising (sensibilización á lingua), knowledge about language (KAL) (coñecemento sobre a lingua) e input enhancement (relevo engadido ao aducto).
Cots, J. M.; Armengol, L.; Arnó, E.; Irún, M. & Llurdá, E. 2007. La conciencia lingüística en la enseñanza de lenguas. Barcelona: Editorial Graó.
Jessner, U. 2014. Linguistic Awareness in Multilinguals. Edinburgh: Edinburgh University Press.
Little, D. 1997. “Language Awareness and the Autonomous Language Learner.” Language Awareness 6: 93-104.