Doughty, C. & Williams, J. (eds.) 1998. Focus on Form in Classroom Second Language Acquisition. Cambridge: Cambridge University Press.
Termo acuñado por Michael H. Long nos anos 80 do século pasado, que cristalizou en distintas propostas pedagóxicas, cuxa base teórica común está baseada en modelos cognitivos de adquisición da linguaxe que sinalan que, en tanto que aprendices, practicamos unha atención selectiva e desenvolvemos a capacidade para o procesamento da lingua meta, algo que se leva a cabo máis eficazmente durante a negociación do significado.
Pártese da afirmación de que tanto as pedagoxías baseadas única e exclusivamente na atención ás formas lingüísticas illadas ou descontextualizadas (focus on form, en inglés), como as fundamentadas unicamente no procesamento do contido (focus on content, en inglés), producen pobres resultados no desenvolvemento da competencia gramatical, sociolingüística e pragmática do discente. Mediante a atención á forma proponse superar a dicotomía destes factores, pois ambos son esenciais, dada a súa íntima interrelación no complexo proceso de aprender e ensinar unha lingua. O que persegue a atención á forma é centrar a atención do estudante en elementos lingüísticos do aducto que xorden en tarefas ou actividades nas que o primordial é o significado e a comunicación. Neste sentido, as intervencións pedagóxicas pasan a ser reactivas e extremadamente implícitas. Por intervención reactiva enténdese que a decisión de engadir relevo a unha forma (ou a algún aspecto da mesma) hase de producir a partir de problemas de comunicación ou limitacións de interlinguaxe que xorden durante o uso da lingua meta con fins comunicativos xenuínos. Doutra banda, as intervencións son implícitas no sentido de que o fío de comunicación non debe ser interrompido, senón que a atención do aprendiz debe ser dirixida cara á forma de xeito efectivo pero tamén sutil.
Existen dúas técnicas de atención á forma que se centran en manipular externamente o aducto lingüístico producido na aula:
- a inundación do aducto (en inglés, input flood); e,
- o relevo engadido ao aducto (en inglés, input enhancement).
Ambas as técnicas teñen como obxectivo intensificar a frecuencia de aparición dunha forma no aducto ou o seu grao de perceptibilidade. Mediante a inundación do aducto trátase de “inundar” ou expoñer aos estudantes a cantidades artificialmente altas dun trazo lingüístico que, doutro xeito, sería ignorado durante o procesamento da mensaxe. Mediante o relevo engadido ao aducto, o que se fai é resaltar tipograficamente esas formas lingüísticas mediante o uso de maiúsculas, cursivas, negrita, subliñado, etc.
Long, M. H. 1991. “Focus on Form: A Design Feature in Language Teaching Methodology”, in Bot, K. de, Ginsberg, R. & Kramsch. C. (eds.). Foreign Language Research in Crosscultural Perspective. Amsterdam: John Benjamins, pp. 39-52.
Ortega, L. 2001. “Atención implícita hacia la forma: teoría e investigación”, en Pastor Cesteros, S. & Salazar García, V. (eds.). Tendencias y líneas de investigación en adquisición de segundas lenguas. Alicante: Universidad de Alicante, pp. 5-80.
Spada, N. 1997. “Form-focussed Instruction and Second Language Acquisition: A Review of Classroom and Laboratory Research”. Language Teaching 29, 1-15.
Williams, J. 1995. “Focus on Form in Communicative Language Teaching: Research Findings and the Classroom Teacher”. TESOL Journal 4/4: 12-16.