Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Webquest

Definición:

Unha webquest é unha actividade de aprendizaxe estruturada baseada na investigación, na que se emprega a web como única ou principal fonte de información para resolver unha tarefa complexa. A tarefa obriga ao discente a desenvolver unha actividade mental de alto nivel, empregando habilidades tales como a formación de hipótese, o xuízo, a análise, a creatividade ou a resolución de problemas. Nunha webquest, o docente desempeña un importante papel como facilitador, deseñando unha tarefa que se axuste ás necesidades do aprendente e guiándoo no proceso. Segundo a proposta de Dodge (1995), unha webquest debe posuír cinco compoñentes fundamentais: explicitación do contexto ou razón de ser da procura, definición da tarefa, descrición do proceso (incluídos os recursos e distintos pasos a dar por parte do discente), avaliación e conclusión. Entre outras vantaxes, o uso de webquests 1) contribúe a aumentar a motivación do aprendente, a través de problemas reais en cuxa resolución se empregan materiais auténticos; 2) desenvolve a súa capacidade de pensamento crítico: nunha perspectiva constructivista da aprendizaxe, o discente debe non só comprender a información senón analizala e sintetizala para crear algo novo; e 3) desenvolve a súa capacidade para traballar en equipo: moitas webquests implican un traballo colaborativo e constitúen unha proposta de aprendizaxe centrada no alumno.

No ámbito do ensino de linguas estranxeiras, as webquests están intimamente ligadas a un enfoque do ensino por tarefas ( TBL) ou por contidos ( CBL) , nos que o aprendente desenvolve a súa competencia comunicativa a través de tarefas prácticas. Unha webquest constitúe unha boa experiencia de construción interactiva da aprendizaxe. Entre outras vantaxes, proporciónalle ao aprendente de linguas estranxeiras un contacto directo con material lingüístico e contidos auténticos, pero sobre todo, a oportunidade de practicar as catro destrezas principais da comprensión e a produción tanto oral como escrita. Ademais, dado o seu enfoque colaborativo, unha webquest xera múltiples oportunidades para a interacción na lingua estranxeira. Factores específicos clave no deseño dunha webquest para o ensino de linguas son: unha definición clara dos obxectivos lingüísticos que se perseguen, traballar con materiais extraídos da Web, que as tarefas mostren un grao de dificultade adecuados ao nivel lingüístico do aprendente e un apoio lingüístico centrado no tipo de vocabulario e estruturas gramaticais requiridos para o desenvolvemento da actividade.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Aydin, S. 2016. "WebQuests as language-learning tools". Computer Assisted Language Learning 29/4: 765-778.

Torres, I. P. 2010. "Webquests y webtasks, en el aprendizaje de una segunda lengua". Cuadernos de pedagogía 401: 57-59.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Webquest
Inglés: 
Webquest
Francés: 
Webquest
Alemán: 
Webquest
Italiano: 
Webquest
Portugués: 
Webquest
Ruso: 
Веб-квест
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/webquest, con data de acceso 07/12/2024).