Lakoff, G. A. 1987. Women, Fire and Dangerous Things: What Categories Reveal about the Mind. Chicago: University of Chicago Press.
Corrente xurdida a finais dos anos 70 do século pasado dentro da disciplina xeral da ciencia cognitiva, na que tamén se integran a psicoloxía cognitiva, a Neurociencia ou a Intelixencia Artificial. Comparte con todas elas a noción de que a interacción co mundo ten lugar a través de constructos mentais. Aínda que agrupa diversas propostas teóricas, a lingüística cognitiva considera en conxunto que as unidades e estruturas lingüísticas son manifestacións de capacidades cognitivas xerais (capacidade de organización conceptual, categorización e procesamiento), así como da experiencia colectiva e individual. Ao rexeitar a visión da linguaxe como sistema ou facultade autónoma, este enfoque oponse ao estruturalismo e ao xenerativismo.
As orixes da lingüística cognitiva atópanse no interese suscitado polo estudo da significación e na investigación psicolingüística de Eleanor Rosch sobre o papel dos prototipos na categorización. Nos anos 90 do século XX institucionalízase coa creación da Asociación Internacional de Lingüística Cognitiva e de revistas especializadas como Cognitive Linguistics. Os seus principais representantes son George Lakoff (1987) e Ronald Langacker (1987). A lingüística cognitiva investiga fundamentalmente as relacións entre lingua e pensamento e trata de analizar como se realizan as operacións mentais que nos permiten razoar, organizar e almacenar o coñecemento. Os seus temas de interese son, entre outros:
- o fenómeno da categorización nas linguas naturais (como se empregan os prototipos, ou como se constrúen e interpretan as metáforas e as metonimias);
- a descrición dos principios de organización lingüística (por exemplo, o principio de iconicidade, isto é, que a forma reflexa aspectos da mensaxe transmitida);
- como se organiza e almacena o coñecemento por medio de modelos cognitivos proposicionais (Lakoff, 1987) e marcos ou frames, sempre desde unha perspectiva que non separa o coñecemento semántico ou lingüístico do enciclopédico ou extralingüístico; e
- o estudo de diversos aspectos gramaticais considerando a súa motivación cognitiva.
Outros ámbitos de investigación para a lingüística cognitiva son os mecanismos de gramaticalización e de cambio semántico, o cambio lingüístico, a análise do discurso ou as aplicacións pedagóxicas dos seus principios teóricos, especialmente para o ensino da lingua materna ou dunha lingua estranxeira.
Langacker, R. W. 1987. Foundations of Cognitive Grammar. Stanford, C.A.: Stanford University Press.
López Rúa, P. 2003. Birds, Colours and Prepositions. The Theory of Categorization and its Applications in Linguistics. Munich: Lincom Europa.
Taylor, J. 1989. Linguistic Categorization. Prototypes in Linguistic Theory. Oxford: Clarendon Press, 1995.
Taylor, J. 1993. “Some Pedagogical Implications of Cognitive Linguistics”, in Geiger, R. A. & Rudzka-Ostyn, B. (eds.), 1993, pp. 201-23.