Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Estilo cognitivo

Definición:

Factor interno na aprendizaxe de linguas  que se refire á forma de percibir, conceptualizar, organizar e recordar a información. Esta característica individual na aprendizaxe de linguas foi obxecto de atención especial a principios dos anos 60 do século XX; a meirande parte dos estudos centrábanse na relación existente entre este factor e os métodos de ensino. Con todo, o interesante na análise desta variable consiste en observar a posible influencia do xeito de conceptualizar, percibir e organizar a información por parte do alumnado no desenvolvemento da aprendizaxe; desde este punto de vista poden distinguirse dous aspectos: as formas de conceptualizar a información e a dependencia / independencia de campo. Dentro das primeiras destaca o traballo de H. D. Brown (1973), quen distingue dúas grandes dicotomías:

  1. Categorización xeral fronte a categorización particular. A primeira tende a incluír varios elementos na mesma clase xeral, mentres que a segunda categoriza os diferentes elementos de forma minuciosa, excluíndo os que non son necesarios no contexto en cuestión e evitando a súa xeneralización. Nunha situación concreta de aprendizaxe de linguas, o aprendiz con categorización xeral tende a aplicar unha regra determinada a cuestións xerais; o aprendiz con categorización particular, pola súa banda, fai uso das regras en contextos concretos.
  2. Reflexión fronte a impulsividade. Os aprendices reflexivos revisan todos os indicios antes de decidirse mentres que os impulsivos decídense rapidamente antes de facer unha revisión xeral; é dicir, os aprendices reflexivos adáptanse mellor a contextos formais; os impulsivos, con todo, funcionan mellor nun contexto natural de comunicación.

Con respecto á dependencia / independencia de campo, o estudante dependente toma marcos externos de referencia ao procesar a información, xa que percibe o campo como un todo. Do mesmo xeito que ocorre cos impulsivos, este tipo de aprendices adáptanse mellor a contextos naturais e comunicativos. Os aprendices independentes toman marcos internos de referencia xa que son analíticos e perciben o campo nas diferentes partes que o compón; polo tanto, adáptanse mellor ao marco da clase. A proba que máis se utilizou para identificar as tendencias do alumnado cara á dependencia e independencia de campo foi o test de figuras enmascaradas de Witkin et al. (1971). 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Brown, H. D. 1973. "Affective Variables in Second Language Acquisition". Language Learning 23: 231-244.

Witkin, H. & Goodenough, D. 1981. “Cognitive Styles: Essence and Origins – Field Dependence and Independence.” Psychological Issues Monograph 51.

Witkin, H., Oltman, O., Raskin, E. & Karp, S. 1971. A Manual for the Embedded Figures Test. Palo Alto, CA: Consulting Psychology Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Estilo cognitivo
Inglés: 
Cognitive style
Francés: 
Style cognitif
Alemán: 
Kognitiver Stil
Italiano: 
Stile cognitivo
Polaco: 
Styl kognitywny
Portugués: 
Estilo cognitivo
Ruso: 
Когнитивный стиль
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/estilo-cognitivo, con data de acceso 28/03/2024).