Heine, B., Claudi, U. & Hünnemeyer, F. 1991. Grammaticalization: A Conceptual Framework. Chicago: The University of Chicago Press.
Proceso diacrónico gradual por medio do cal unha unidade léxica adquire un significado gramatical, perdendo parte ou a totalidade da súa identidade semántica e fonolóxica orixinal, e podendo chegar a converterse nun afixo flexivo. Trátase dun cambio lento que non sempre se completa en todas as súas fases pero que, para a maioría dos autores, é unidireccional. Como exemplos deste proceso podemos citar a expresión do futuro en inglés por medio da forma will seguida dun infinitivo, resultado da gramaticalización dunha construción con este verbo que en inglés antigo significaba “querer”: I will sing = “(eu) cantarei”. De modo similar, o futuro sintético de linguas románicas como o francés (chanterai), o español (cantaré) ou o galego (cantarei) é o resultado do proceso de gramaticalización dunha estrutura perifrástica formada por un infinitivo e unha forma do verbo habere, que xa existía en latín vulgar e cuxo significado orixinal era “hei de, teño que” + infinitivo (teño que cantar).
Hopper, P. & Traugott, E. 1993. Grammaticalization. Cambridge: Cambridge University Press.
Lehmann, C. 1995. Thoughts on Grammaticalization. Munich: Lincom Europa.