Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Ensino de contidos culturais

Definición:

Refírese ao contido temático dun curso e non estritamente ao contido lingüístico. O contido cultural dun curso de ensino da segunda lingua pode incluír algún ou varios dos bloques temáticos seguintes:

  1. Contido cultural cero. Personaxes e acontecementos neutros ou temas de interese superficial que non proporcionan información cultural ou non están relacionados con cuestións do mundo real. Por exemplo, persoas ficticias que realizan actividades cotiás, algunhas cancións populares, etc.
  2. Aspectos da segunda lingua que tratan de temas de estudo en si; por exemplo, historia da lingua, xeografía dos países onde se fala esa lingua, etc.
  3. Outras materias no currículo escolar ou universitario, tales como Coñecemento do Medio, Matemáticas, Historia, Ciencias Sociais, tamén constitúen contidos culturais, xa que a través deles pódese ensinar a segunda lingua (a lingua como eixo transversal do programa).
  4. Cultura propia nacional / rexional. Estudo ou discusión sobre as institucións, persoas e lugares que pertencen á cultura dos estudantes.
  5. A cultura dos pobos que falan a segunda lingua como, por exemplo, os deportes máis populares no Reino Unido, Estados Unidos, Francia, Italia, Alemaña; artistas famosos (músicos, actores, escritores), a familia, a comida, etc.
  6. Literatura dos países que falan a segunda lingua.
  7. Coñecementos sobre o mundo. Cultura ou literatura que se coñece en moitos países, como lendas, mitoloxía, a Biblia, información xeográfica, histórica, política e social sobre calquera parte do mundo.
  8. Problemas sociais, políticos, educativos e morais, por exemplo, os dereitos dos fumadores / non fumadores, a pena de morte ou os experimentos con animais. O alumnado debe formar e expoñer unha opinión sobre o tema.
  9. Este tipo de contidos tamén se pode atopar nos propios estudantes, o que implica a exploración das súas propias experiencias, coñecementos, opinións e sentimentos.

Cando se fala dos contidos culturais é preciso ter en conta tamén o que se denomina currículo oculto ou escondido; por este enténdense mensaxes subxacentes que van máis aló da información factual. Así, por exemplo, se un libro ten un maior número de personaxes ou exemplos masculinos que femininos poderíase interpretar que ese libro defende determinadas posicións ou actitudes sexistas. Outros factores a ter en conta son a idade (se hai unha cantidade maior de personaxes de idades de entre 20 e 30 anos, podería dicirse que o libro discrimina segundo a idade), a orientación social, aspectos como a situación económica, clase social, profesión, orixe, cultura, raza, etc.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bueno González, A. 1996b. "Sociolinguistic and Sociocultural Competence", iMcLaren, N. & Madrid, D. (eds.). A Handbook for TEFL. Alcoy: Marfil, pp. 345-373.

Robinson, G. L. N. 1985. Crosscultural Understanding. New York: Prentice Hall.

Seelye, H. N. 1988. Teaching Culture. Lincolnwood, IL: National Textbook Company.

Tomalin, B. & Stempleski, S. 1990. Video in Action. New York: Prentice Hall International.

Valdes, J. M. (ed.) 1986. Culture Bound: Bridging the Cultural Gap in Language Teaching. Cambridge: Cambridge University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enseñanza de contenidos culturales
Inglés: 
Teaching cultural contents
Francés: 
Enseignement des contenus culturels
Alemán: 
Landeskunde-Unterricht
Italiano: 
Insegnamento dei contenuti culturali
Polaco: 
Nauczanie treści kulturowych
Portugués: 
Ensino de conteúdos culturais
Ruso: 
Обучение культуре
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/ensino-contidos-culturais, con data de acceso 19/03/2024).