Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Distinción proceso-produto

Definición:

Distinción ou dicotomía común no ámbito da aprendizaxe e didáctica de segundas linguas. É conveniente considerar estes dous conceptos como complementarios un do outro máis que como polos opostos. Dise que certas técnicas ou metodoloxías poñen unha maior énfase no produto, mentres que outras, pola contra, están máis interesadas no proceso. No ámbito da expresión escrita as notas, composicións, cartas e demais representarían o produto, mentres que as diversas fases que implican a realización desas tarefas escritas, tales como o xerar ideas, esbozar un guión do que se quere escribir, preparar un borrador, revisar e editar o borrador anterior, formarían parte do proceso da escritura. Esta dicotomía poderíase aplicar ao resto das destrezas lingüísticas e ata ao deseño curricular de programas onde contrastan, por exemplo, programas cuns obxectivos fixados de antemán con outros de carácter procesual, que avogan por implicar ao alumno de forma directa no proceso de aprendizaxe, negociando co profesor os obxectivos do curso. Finalmente, é necesario sinalar que nas últimas décadas ten habido unha tendencia a favorecer e promover enfoques do ensino de linguas centrados nos procesos máis que preocuparse de forma exclusiva polos resultados obtidos.

Nestes enfoques non serían obxecto de atención factores tales como os erros lingüísticos (de gramática, de léxico, etc.) ou a existencia de modelos ou expectativas do que se considera un texto ben escrito ou adecuado en determinados contextos. Algúns teóricos ven na falta de atención a estes aspectos do produto un problema nos modelos de ensino centrados no proceso, dado que, por unha banda, moitos dos discentes teñen problemas con este tipo de aproximación inductiva á aprendizaxe e, por outro, contrastan con moitas prácticas de avaliación da competencia lingüística, a miúdo centradas na valoración do produto. Na meirande parte das ocasións será case imprescindible combinar ambas as perspectivas.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Breen, M. P. 1987. "Contemporary Paradigms in Syllabus Design". Language Teaching 20/2: 81-93 & 20/3: 157-174.

McDonough, S. H. 1995. Strategy, Process and Skill in Language Learning. London: Edward Arnold.

White, R. 1988. The ELT Curriculum. Design, Innovation and Management. Oxford: Blackwell.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Distinción proceso-producto
Inglés: 
Process vs. Product
Francés: 
Distinction processus/ produit
Alemán: 
Unterscheidung Prozess/ Produkt
Italiano: 
Distinzione processo-prodotto
Polaco: 
Proces vs Produkt
Portugués: 
Dicotomia processo/produto
Ruso: 
Дифференциация процесса-продукта
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/distincion-proceso-produto, con data de acceso 17/03/2025).