Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Distancia social

Definición:

Percepción de proximidade ou de distancia con respecto a un grupo de persoas determinado. O país de orixe, a cultura, a lingua, a etnia, o xénero ou a posición social son categorías que as persoas utilizan para sentirse máis ou menos próximas entre si ou máis afastadas segundo os casos. Ademais, a valoración que cada persoa realiza sobre a distancia que lle separa “dos outros” adoita facerse desde os prexuízos ou visións estereotipadas da comunidade á que pertence.

A distancia social percibida polos membros dunha comunidade afecta ás relacións interpersoais que se poden dar entre ambos os grupos. As investigacións realizadas no ámbito do ensino tratan de resaltar a importancia que cobra a actitude do docente ante a diversidade cultural na súa aula; sendo unha figura-modelo para os seus estudantes, o profesor pode tanto fomentar a proximidade, incentivando o interese polo coñecemento mutuo e a tolerancia, como favorecer un maior distanciamento, reproducindo certos prexuízos que a sociedade teña con respecto a determinados grupos. A presenza de estudantes xitanos ou de inmigrantes de diferentes procedencias sería un exemplo deste tipo de situacións nas que o multiculturalismo ou a pluralidade de culturas se fan explícitos.

Por último, a distancia social ou psicolóxica existente entre o aprendiz e a comunidade de falantes nativos considérase un factor capital á hora de explicar os problemas de aculturación e o maior ou menor grao de pidginización que manifestan os aprendices dunha lingua estranxeira. A interpretación que cada individuo realiza sobre as relacións que el ou o seu grupo mantén con outras persoas ou grupos, influirá no interese que poida manifestar á hora de aprender, por exemplo, a súa lingua. 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Norton, B. 2013. Identity and Language Learning. Extending the Conversation. Bristol: Multilingual Matters. 2nd edition.

Schumann, J. 1978. The Pidginization Process: A Model for Second Language Acquisition. Rowley, MA: Newbury House.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Distancia social
Inglés: 
Social distance
Francés: 
Distance sociale
Alemán: 
Soziale Distanz
Italiano: 
Distanza sociale
Polaco: 
Odległość społeczna
Portugués: 
Distância social
Ruso: 
Социальная дистанция
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/distancia-social, con data de acceso 06/12/2024).