Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Comunicación intercultural

Definición:

A investigación en comunicación intercultural ten por obxecto de estudo as características da comunicación en contextos nos que interactúan membros de dous ou máis culturas. Cando se produce unha comunicación entre dous falantes de dúas linguas distintas, é moi frecuente que se empreguen regras de fala propias da comunidade ou grupo cultural ao que pertence a lingua materna, debido a un nivel non óptimo de competencia comunicativa na lingua estranxeira. A comunicación intercultural depende de factores como:

  1. o tipo de actos de fala utilizados e a súa frecuencia;
  2. a alternancia de quendas de fala na conversa (as interrupcións bruscas poden ser signos de falta de cortesía dependendo da lingua/cultura);
  3. o emprego de silencios;
  4. o diferente uso da linguaxe corporal e da comunicación non verbal; e, para rematar,
  5. a elección de palabras (expresións tabú, termos non adecuados de acordo coa situación ou o contexto comunicativo).
  6. a organización da información no discurso (lineal na cultura anglosaxoa, que desdeña a digresión característica por exemplo do estilo comunicativo teutón);

  7. o grao de explicitación dos contidos que se considera óptimo para unha comunicación efectiva; ou mesmo

  8. a actitude cara á orixinalidade ou o grao de permisividade con respecto ao plaxio (estigmatizado no mundo anglosaxón e occidental en xeral, pero non así en moitas culturas asiáticas), entre outros.

Así, por exemplo, mentres os falantes nativos de inglés americano utilizan con certa frecuencia fórmulas de agradecemento ou cumpridos como unha forma de negociar as relacións interpersoais cos demais, moitos estudantes non americanos interpretan tales sinais de cortesía como algo superficial ou falso, e tenden a non usalas en inglés. Na actualidade, é principalmente a etnografía da comunicación a que se encarga de estudar todos estes fenómenos, de enorme interese para o ensino de linguas estranxeiras. Neste campo, os discentes pódense beneficiar do acceso a información precisa sobre as convencións sociolingüísticas que rexen noutras comunidades lingüísticas, non tanto para ver como se lles impón un sistema de valores ou normas de comportamento dun grupo determinado, senón para evitar ser malinterpretados polos falantes da lingua estranxeira obxecto de estudo.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Jandt, F. 2016. An Introduction to Intercultural Communication. Identities in a Global Community. Thousand Oaks: Sage. 8th edition.

Kotthoff, Helga & Spencer-Oatey, Helen. 2007. Handbook of Intercultural Communication. Berlin: Walter de Gruyter.

Scollon, R., Scollon, S.W. & Jones, R. H. 2012. Intercultural Communication. A Discourse Approach. Chichester: Wiley-Blackwell. 3rd edition.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Comunicación intercultural
Inglés: 
Intercultural communication
Francés: 
Communication interculturelle
Alemán: 
Interkulturelle Kommunikation
Italiano: 
Comunicazione interculturale
Polaco: 
Komunikacja interkulturowa
Portugués: 
Comunicação intercultural
Ruso: 
Межкультурная коммуникация
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/comunicacion-intercultural, con data de acceso 09/10/2024).