Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Cortesía

Definición:

Dimensión da interacción comunicativa relacionada coa expresión do respecto, a deferencia ou o afecto cara ao interlocutor. Desde o punto de vista lingüístico, a cortesía maniféstase a través da elección das formas consideradas apropiadas en función da distancia social e a diferenza de status entre os participantes nunha situación comunicativa determinada. As estratexias para a expresión da cortesía son específicas de cada comunidade de fala e forman parte da competencia pragmática dos seus membros. Así, por exemplo, en galego a elección entre as distintas formas do pronome de segunda persoa (ti / vostede) ou entre distintas fórmulas de tratamento (por exemplo Pablo / Sr. García / Dr. García), a utilización de determinadas formas verbais ou certas estruturas gramaticais (Sería vostede tan amable, por favor?, Querería..., etc.), réxense por normas de uso que é necesario coñecer para comportarse de forma apropiada en cada situación.

A partir do modelo teórico actualmente máis difundido, o desenvolvido por Brown e Levinson (1987), adoitan distinguirse dous tipos de cortesía lingüística. A cortesía positiva ten como finalidade protexer a denominada imaxe positiva do interlocutor, é dicir, a necesidade que todos temos de sentir que as nosas posesións e valores son apreciados por outros e que somos aceptados como membros dun grupo. Este tipo de cortesía pode mostrarse, por exemplo, por medio de expresións de louvanza (Encántame o teu xersei novo!) ou por medio da elección de formas lingüísticas que nos aproximen ao interlocutor ou poñan de relevo os nosos puntos en común (ti fronte a vostede, vocativos como tío/a, compañeiro/a, uso de xerga ou formas coloquiais, etc.). A cortesía negativa trata de mitigar aqueles actos de fala que poden ameazar a imaxe negativa do interlocutor, é dicir, a súa liberdade de acción. Este tipo de cortesía é a que fai preferibles as formas máis indirectas de pedir a alguén que realice unha acción (por exemplo, Podes pechar a fiestra, por favor?, ou ata, Que corrente fai aquí!, en lugar de Pecha a fiestra) ou require a utilización de estratexias atenuadoras cando impoñemos as nosas accións sobre outros (Perdoe que o interrompa, Sinto ter que pedirche isto a ti, pero...).

A noción e as manifestacións da cortesía na comunicación poden diferir substancialmente dunhas culturas a outras, polo que a cortesía constitúe un compoñente crucial da competencia intercultural e un aspecto importante na aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Por exemplo, os estudos contrastivos adoitan concluír que a comunicación en español (ou en galego) favorece o uso dun tipo de cortesía máis positiva, mentres que o inglés (particularmente o británico) "tende" á cortesía negativa. É por isto que as manifestacións excesivamente explícitas e reiteradas do  agradecemento (thank you) ou a desculpa (sorry), ou formulacións excesivamente indirectas dunha petición, tales como Would you please be so kind as to pass me the salt ("serías por favor tan amable de pasarme o sal"), traducidas directamente ao español ou ó galego tenden a soar pouco naturais.

Bibliografía: 

Brown, P. & Levinson, S. C. 1987. Politeness: Some Universals in Language Usage. Cambridge: Cambridge University Press.

Hickey, L. & Stewart, M. (eds.). 2005. Politeness in Europe. Clevedon: Multilingua Matters.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Cortesía
Inglés: 
Politeness
Francés: 
Politesse/Courtoisie
Alemán: 
Höflichkeit
Italiano: 
Cortesia
Polaco: 
Grzeczność
Portugués: 
Cortesia
Ruso: 
Вежливость
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/cortesia, con data de acceso 14/09/2024).