Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Acto de fala

Definición:

Acción realizada ao emitir un enunciado cun fin comunicativo concreto. Os actos de fala defínense por unha intención determinada do falante (“forza ilocutiva”) e polo efecto que producen no oínte (“efecto perlocutivo”). Así, dicir Que calor fai aquí! en determinadas circunstancias pode ser interpretado como un rogo (acto ilocutivo), para que alguén abra unha fiestra (acto perlocutivo). Podemos dicir, pois, que a realización dun acto de fala posúe tres dimensións ou consiste na realización simultánea de tres actos: un acto locutivo, un acto ilocutivo e un acto perlocutivo. Estes son os tres tipos diferentes de actos de fala implicados na emisión dun enunciado, de acordo coa teoría dos actos de fala de J. L. Austin. Naqueles casos nos que a forma do enunciado non reflicte de modo directo o seu propósito comunicativo, fálase de actos de fala indirectos, por contraposición a enunciados nos que a relación forma-función é directa, como en Por favor, pecha a fiestra. Así, por exemplo, o enunciado Podes pasarme o sal? non é unha solicitude de información, senón unha forma indirecta de pedirlle ao interlocutor que realice unha acción específica.

O filósofo J. Searle estableceu unha clasificación de actos de fala en cinco categorías en función da súa forza ilocutiva. Fala así de actos de fala asertivos, cos que expresamos aos outros como son as cousas (Este libro está en galego); actos directivos, cos que tratamos de conseguir que se fagan cousas (Por favor, pecha a porta); actos compromisivos, cos que nos comprometemos a facer cousas (Mañá levareite ao cine); actos expresivos, cos que expresamos os nosos sentimentos (Sinto chegar tarde); e actos declarativos, cos que producimos cambios no estado das cousas (Declárovos marido e muller).

Bibliografía: 

Austin, J. 1962. How to Do Things with Words. Oxford: Clarendon Press.

Escandell, M. V. 1996. Introducción a la pragmática. Barcelona: Ariel.

Levinson, S. 1983. Pragmatics. Cambridge: Cambridge University Press.

Searle, J. R. 1969. Speech Acts: An Essay in the Philosophy of Language. Cambridge: Cambridge University Press, 1981.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Acto de habla
Inglés: 
Speech act
Francés: 
Acte de parole
Alemán: 
Sprechakt
Italiano: 
Atto linguistico
Polaco: 
Akt mowy
Portugués: 
Ato de fala
Ruso: 
Речевой акт
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/acto-fala, con data de acceso 10/11/2024).