Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Análise de erros

Definición:

Estudo dos erros producidos por falantes dunha segunda lingua. Desenvolveuse durante os anos 60 do século XX e xurdiu como unha alternativa á análise contrastiva e ao condutismo. A análise de erros propugna que non todas as formas desviadas se deben á influencia da lingua materna, tal e como mantiña a análise contrastiva. Os falantes pasan por distintas etapas no proceso de adquisición e isto maniféstase nos erros que cometen. Esta corrente achega unha metodoloxía concreta para o estudo dos erros, xa que estes proporcionan datos sobre o proceso de adquisición como os seguintes:

  1. información sobre a aprendizaxe do alumno;
  2. probas para o investigador sobre a aprendizaxe da lingua; e
  3. ferramentas que axudan ao alumno a adentrarse nas regras da segunda lingua.

A investigación sobre a análise de erros adoita incluír os seguintes pasos:

  1. recollida de datos da lingua do aprendiz;
  2. identificación dos erros;
  3. descrición dos mesmos;
  4. explicación; e, para rematar,
  5. avaliación.

Do mesmo xeito que ocorreu coa análise contrastiva, a análise de erros foi obxecto de críticas, xa que só observa elementos illados da lingua e non a lingua como un todo; doutra banda, mostra problemas metodolóxicos nas diferentes fases da sua sistema de análise e non ten en conta o proceso de desenvolvemento da lingua por parte do aprendiz nin as estratexias de evasión.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Corder, S. P. 1967. “The Significance of Learners’ Errors.” International Review of Applied Linguistics 5: 161-169.

Corder, S. P. 1974. “Error Analysis”, in Allen, J. P. B. & Corder, S. P. (eds.). The Edinburgh Course in Applied Linguistics. Vol. 3. London: Oxford University Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Análisis de errores
Inglés: 
Error analysis
Francés: 
Analyse d'erreurs
Alemán: 
Fehleranalyse
Italiano: 
Analisi degli errori
Polaco: 
Analiza błędów językowych
Portugués: 
Análise de erros
Ruso: 
Анализ погрешностей
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/analise-erros, con data de acceso 19/09/2024).