Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Significación estatística

Definición:

En estatística, termo empregado na validación de hipóteses. Fai referencia á probabilidade de que a discrepancia entre as observacións e mailo que se especificou nunha hipótese nula sexa froito do azar. O símbolo do nivel de significación é p (probabilidade), e os niveis de significación ou confianza máis comúns son p < 0,01 e p < 0,05, onde < significa “menor ou igual que”. Por exemplo, pódese partir do suposto de que na hipótese nula se especificou que non existe diferenza entre as medias de dous grupos. Entón, un nivel de significación de 0,01 quere dicir que a diferenza entre as medias de dous ou máis grupos vaise dar por casualidade en só unha de cada 100 ocasións nas que se realice o experimento, mentras que un nivel de 0,05 indicará que a probabilidade é de unha de cada 20.

Os niveis de significación empréganse para localizar nas táboas correspondentes os valores críticos de probas paramétricas e probas non paramétricas (Z, T, U, etc.). Os devanditos valores compararanse cos valores obtidos nas mostras; se estes superan aos valores críticos, entón serán significativos. Por exemplo, se se emprega a proba T para estudar a diferenza entre medias de dous grupos, o valor calculado de T será significativo se excede ao valor crítico, e isto permitirá concluir que as medias difiren significativamente, e polo tanto permitirá aceptar a hipótese alternativa de que a diferenza entre as medias das súas poboacións respectivas é tamén significativa (isto é, que non se debe á casualidade, senón a unha verdadeira diferenza entre as medias).

Unha diferenza significativa estatisticamente non ten por que ter significación práctica. Por exemplo, se a nota media dun grupo de estudantes A é 6,2 e a dun grupo B é 6,4, a diferenza pode ser significativa estatisticamente, pero non desde o punto de vista educativo. Por iso é aconsellable analizar os resultados non só estatisticamente, senón tamén en función da súa significación substantiva ou educativa, para o que adoita recorrerse a métodos de análise cualitativa. 

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Bisquerra Alzina, R. 1989. Métodos de investigación educativa. Guía práctica. Barcelona: CEAC.

Brown, J. D. 1988. Understanding Research in Second Language Learning: A Teacher’s Guide to Statistics and Research Design. Cambridge: Cambridge University Press.

Butler, C. 1985. Statistics in Linguistics. Oxford: Blackwell.

Eddington, D. 2015. Statistics for Linguists: a Step-by-Step Guide for Novices. Newcastle upon Tyne: Cambridge Scholars Publishing.

Lowie, W. & Seton, B. 2013. Essential Statistics for Applied Linguistics. London: Palgrave.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Significatividad estadística
Inglés: 
Statistical significance
Francés: 
Signification statistique
Alemán: 
Statistische Signifikanz
Italiano: 
Rilevanza statistica
Portugués: 
Relevância estatística
Ruso: 
Статистическое значение
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/significacion-estatistica, con data de acceso 07/12/2024).