Faerch, C. & Kasper, G. (eds.) 1983. Strategies in Interlanguage Communication. London: Longman.
Tamén estratexia comunicativa.
Mecanismo, plan ou técnica que utilizan os aprendices dunha segunda lingua para solucionar os problemas que xorden cando desexan comunicar un significado ou mensaxe e carecen do coñecemento lingüístico necesario para iso. Así, un estudante de inglés que descoñece a palabra hoover (“aspiradora”), facendo uso dunha estratexia de comunicación pode dicir machine to clean the floor (“máquina para limpar o chan”). Aínda que xeralmente se relaciona ou identifica coa aprendizaxe da L2, tamén é posible falar deste tipo de estratexias no uso da L1. Distínguense dúas perspectivas no estudo das estratexias de comunicación: a aproximación da interacción, que estuda estas estratexias no marco da interacción entre o aprendiz e o seu interlocutor, e a aproximación psicolingüística, que concibe e estuda as estratexias de comunicación como procesos cognitivos, plans mentais e, polo tanto, individuais. Estas diferenzas de carácter conceptual reflíctense directamente nas categorías propostas para a súa clasificación e análise.
Adoptando a primeira perspectiva, Tarone (1977) desenvolveu unha tipoloxía que distingue cinco grupos de estratexias:
- elisión: o aprendiz, por carecer do vocabulario adecuado para iso, evita falar dun tema ou abandona unha mensaxe xa iniciada;
- paráfrase: o aprendiz utiliza unha forma de expresión alternativa, aceptable na L2, para transmitir a súa mensaxe, que pode consistir nunha palabra de características semánticas similares á orixinal, unha circunlocución ou rodeo, ou unha palabra nova creada polo propio aprendiz;
- transferencia consciente, en forma de tradución literal ou de alternancia de códigos;
- petición de axuda, preguntando ao interlocutor, a un falante nativo ou recorrendo ao dicionario; e
- mímica, cando o aprendiz recorre ao uso de xestos para comunicar un significado.
Desde unha perspectiva psicolingüística, Faerch e Kasper (1983) distinguen dúas fases na produción lingüística, planificación e execución, nas que sitúan os distintos tipos de estratexias identificados:
- estratexias de redución: formal, cando se evita o uso de regras ou elementos lingüísticos, ou funcional, se afectan a aspectos da intención comunicativa;
- estratexias de consecución ou logro, é dicir, compensatorias, cando o plan inicial é substituído por outro de carácter estratéxico, ou de recuperación, que permiten manter o plan inicial.
Poulisse, Bongaerts e Kellerman (1990) van máis aló ao situar as estratexias de comunicación nun modelo cognitivo de produción lingüística que permite distinguir entre:
- estratexias conceptuais, cando o aprendiz fai uso do seu coñecemento conceptual, xa sexa das propiedades dos conceptos, analíticas, ou das relacións entre conceptos, integrais;
- estratexias lingüísticas, cando o falante manipula o seu coñecemento lingüístico, ben da L2 no caso da creación morfológica, ou doutra lingua no da transferencia.
Poulisse, N., Bongaerts, T. & Kellerman, E. (eds.). 1990. The Use of Compensatory Strategies by Dutch Learners of English. Dordrecht: Foris.
Tarone, E. 1977. “Conscious Communication Strategies in Interlanguage: a Progress Report”, in Brown, H., Yorio, C. & Crymes, R. (eds.), 1977, pp. 194-203.