Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Ensino mediante modelos

Definición:

aprendizaxe da lingua mediante a presentación por parte do docente dun modelo lingüístico que o discente debe imitar. Certos métodos de ensino e aprendizaxe de segundas linguas, tales como o método audiolingüe, baséanse na práctica de modelos ou patróns lingüísticos empregando actividades ou exercicios de repetición. Con todo, a práctica continuada ou excesiva e descontextualizada destes exercicios de repetición pode levar á realización automática dos mesmos por parte do alumnado, que imitará o patrón formal sen prestar atención ao significado nin á función comunicativa dos enunciados.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Richards, J. C. & Rodgers, T. S. 1986. Approaches and Methods in Language Teaching: A Description and Analysis. Cambridge: Cambridge University Press.

En adquisición da primeira lingua, tipo de aprendizaxe por imitación que leva a cabo un neno. Tamén se denomina modelado. Os nenos copian e reproducen aqueles sons, estruturas gramaticais e palabras que se emiten na súa contorna social (a persoa que os coida, os seus pais, os seus grupos de semellantes, os individuos da sociedade na que están inmersos); deste xeito non só adquiren a lingua, senón que tamén adquiren diversos trazos dialectais, de rexistro e estilísticos (tanto no nivel da pronuncia como no do uso de determinadas formas gramaticais ou de vocabulario).

Bibliografía: 

Ellis, R. 1994. The Study of Second Language Acquisition. Oxford: Oxford University Press.

Proceso de aprendizaxe por observación e imitación no que unha persoa observa o comportamento doutra e, máis tarde, de modo consciente ou inconsciente, reprodúceo. No ámbito da aula, por exemplo, os métodos de ensino, as actitudes ante a aprendizaxe (curiosidade por aprender, vontade de traballo, organización e estruturación do mesmo) e o comportamento (actitudes ante o alumnado e ante o profesor –respecto, indiferenza–, opinións acerca de diversos temas, capacidade para actuar de xeito razoado) do docente poden influír no alumnado de xeito que os tomen como exemplo ou punto de referencia e, en consecuencia, os imiten. Dado o peso do papel do docente no contexto educativo, este pode aproveitar o modelado para favorecer, facilitar e motivar a aprendizaxe. O docente como instrutor non só forma ao alumnado na súa dimensión académica, senón tamén na súa dimensión social e humana, proporcionándolle ou modificando os seus valores, actitudes e pautas de conduta. Neste sentido o modelado ten unha función socializadora.

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Good, T. L. & Brophy, J. E. 1987. Looking in Classrooms. New York: Harper and Row.

Strevens, P. 1980. Teaching English as an International Language: From Practice to Principle. Oxford: Pergamon Press.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Enseñanza mediante modelos
Inglés: 
Modelling
Francés: 
Enseignement au moyen de modèles
Alemán: 
Lernen nach Modellen
Italiano: 
Insegnamento tramite modelli
Polaco: 
Nauczanie modułowe
Portugués: 
Aprendizagem por modelos
Ruso: 
Метод моделирования
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/ensino-modelos, con data de acceso 07/12/2024).