Comrie, B. 1992. Language Universals and Linguistic Typology. Oxford: Blackwell. 2nd edition.
Estudo da posible variación dentro das linguas que consiste nunha clasificación das mesmas en grupos, consonte á súa resposta a certos parámetros ou propiedades de natureza morfolóxica, fonolóxica, sintáctica e semántica. As clasificacións e conclusións produto dos estudos de tipoloxía lingüística poden ser útiles no ensino de linguas. No caso concreto das linguas estranxeiras, unha comparación entre a L1 e a L2 que saliente as súas diferenzas ou os seus trazos comúns é unha ferramenta metodolóxica que en ocasións facilita a comprensión de estruturas ou a adquisición de significados. Con todo, a devandita comparación debe manexarse con precaución, posto que tamén pode contribuír a que o alumno cometa erros de transferencia debidos á sobreestimación das similitudes entre ámbalas dúas linguas. Por exemplo: tanto en galego (L1) como en inglés (L2) constrúense frases nominais nas que o núcleo precede a unha frase preposicional con valor posesivo (as chaves do coche = the keys of the car); isto pode conducir á extensión da estrutura en inglés a casos nos que a opción correcta sería o emprego da forma xenitiva, que antecede ao núcleo: as chaves de Pedro = Peter’s keys, non *the keys of Peter. Pola contra, a observación de que, en palabras como sugar ou sure, o son /S/ en inglés equivale ao son da letra x galega en palabras como xa ou xirar, pode evitar que o alumno cometa o erro de realizar /S/ como /s/.
Greenberg, H. 1966. Universals of Language. Cambridge, Mass.: The MIT Press.
Moure, T. 1996. La alternativa no-discreta en Lingüística: Una perspectiva histórica y metodológica. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.