Stevens, D. D., & Levi, A. J. 2013. Introduction to rubrics: An assessment tool to save grading time, convey effective feedback, and promote student learning. Second edition. Stylus Publishing, LLC.
Tamén rúbrica.
Unha matriz de valoración, ou rúbrica, é unha ferramenta de avaliación que consiste esencialmente na presentación desglosada dos obxectivos perseguidos cunha tarefa determinada de tal xeito que se poidan valorar, de forma explícita e por separado, todos e cada un deses compoñentes. O instrumento en si pode adoptar distintos formatos, desde unha simple lista de comprobación, na que o avaliador indica se se acadaron ou non unha serie de criterios ou obxectivos, ata unha táboa de descritores máis ou menos detallados na que cada dimensión se valora por medio dunha escala, como no seguinte exemplo ilustrativo, empregado para avaliar unha presentación oral por parte dun grupo de alumnos:
Nivel de consecución do obxectivo |
||||
insuficiente |
satisfactorio |
bo |
excelente |
|
Contido. A información aportada polos autores é interesante e razoablemente completa. Achegan exemplos adecuados e suficientes para ilustrar os distintos aspectos tratados. |
□ |
□ |
□ |
□ |
Claridade. As ideas enténdense sen esforzo. A pronuncia é clara e a gramática e o vocabulario empregados son correctos. |
□ |
□ |
□ |
□ |
Organización. A presentación ten unha estrutura facilmente identificable. As ideas están ben organizadas e as transicións entre as distintas seccións están convenientemente sinaladas para facilitar a comprensión. |
□ |
□ |
□ |
□ |
Orixinalidade. A perspectiva adoptada para presentar a información é interesante e orixinal. Os elementos audiovisuais empregados como apoio están ben seleccionados e cumpren o seu cometido con eficacia. Os autores demostran creatividade. |
□ |
□ |
□ |
□ |
No ensino de linguas, o emprego de rúbricas pode resultar de moita utilidade na avaliación de múltiples tipos de actividades (un exercicio de composición individual, un proxecto realizado en equipo, unha presentación oral, etc.). O seu uso ofrece interesantes vantaxes tanto para os docentes como para os alumnos: ademais de facilitar a tarefa de avaliar, a elaboración de rúbricas axuda ao docente a clarificar obxectivos e favorece unha aplicación máis sistemática e obxectiva dos criterios fixados, cuestións estas particularmente importantes cando varios docentes colaboran na avaliación. Pola outra banda, a avaliación por medio deste método resulta máis clarificadora e motivadora para os estudiantes, que obteñen unha información máis precisa do que se espera deles. A facilidade de uso e a transparencia converten as rúbricas en ferramentas especialmente aptas para a autoavaliación ou a avaliación entre compañeiros.
Suskie, L. 2010. Assessing student learning: A common sense guide. New York: John Wiley & Sons.