Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Inglés como lingua franca

Definición:

Unha lingua franca é unha lingua ponte ou de contacto empregada en contextos onde os participantes na interacción posúen linguas maternas distintas. Os especialistas discrepan á hora de aceptar ou non a participación de falantes nativos de inglés nas interaccións en ILF. O ILF posúe trazos comúns con outras variedades do inglés como segunda lingua, particularmente co empregado por aprendices. Con todo, a diferenza destes últimos, nos intercambios en ILF as variedades nativas non posúen valor de modelo e referencia última da calidade dos intercambios. O resultado é unha variedade (ou variedades) do inglés na que se mesturan trazos de diferentes L1 e se observan procesos de creatividade, alternancia de códigos, etc. Algunhas das diferenzas observadas entre o ILF e as variedades nativas inclúen: usos distintos do artigo; eliminación da -s final da terceira persoa do presente; non discriminación entre who e which; usos especiais das chamadas "tag-questions"; preposicións redundantes; uso comparativamente excesivo de verbos "comodín" de valor xeral tales como put, make, have, etc.; substitución das construcións de infinitivo por construcións con that (I would like that), etc.

O recoñecemento da realidade do ILF posúe repercusións importantes para o ensino do inglés como segunda lingua, fundamentalmente o cuestionamento dos modelos nativos e o recoñecemento da igualdade das variedades non nativas resultado da diseminación global do idioma. Concretamente, trataríase de desviar o foco da formación da corrección e do dominio perfecto das normas nativas cara á intelixibilidade. Entre os posibles contidos da formación estarían: aprender a empregar os coñecementos compartidos ou coñecer e explotar os repertorios lingüísticos do interlocutor para aumentar as posibilidades de éxito da comunicación; ensinar a escoitar de maneira activa e asistir ao interlocutor na formulación da mensaxe, a pedir aclaracións, repeticións ou reformulacións sen danar as relacións interpersoais, etc. Estes novos enfoques implicarían igualmente cambios substanciais tanto nos criterios e métodos de avaliación dos coñecementos do aprendiz como no relativo á formación do profesorado.

Bibliografía: 

Mauranen, A. 2012. Exploring ELF: Academic English Shaped by Non-Native Speakers. Cambridge: Cambridge University Press.

Seidlhofer, B. 2004. "Research Perspectives on Teaching English As a Lingua Franca". Annual Review of Applied Linguistics24209–239. 

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Inglés como lengua franca
Inglés: 
English as a Lingua Franca
Portugués: 
Inglês como língua franca
Ruso: 
Английский как лингва-франка
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/ingles-como-lingua-franca, con data de acceso 03/12/2024).