Ellis, R. 1994. The Study of Second Language Acquisition. Oxford: Oxford University Press.
En investigación, procedemento utilizado para recoller datos acerca dos procesos implicados no desenvolvemento dunha tarefa. O informe verbal comprende a descrición oral por parte do individuo dos procesos que está empregando para completala. Trátase de solicitar información sobre os aspectos cognitivos e lingüísticos implicados en distintos tipos de tarefas. Por exemplo, para pescudar o que unha persoa fai mentalmente cando resume un texto, pódeselle pedir que faga ese resumo por escrito e que ao mesmo tempo describa as decisións que vai tomando e os criterios polos que se guía mentres completa a actividade. Nos estudos sobre a aprendizaxe de segundas linguas empréganse diversas técnicas de informe verbal. Entre elas podemos destacar o procedemento de pensamento en voz alta, que consiste en que a persoa narra o que ocorre mentres realiza a tarefa.
O individuo que realiza o informe verbal pode reflexionar sobre os tipos de decisións que toma e sobre as estratexias que utiliza cando leva a cabo a tarefa, e describilas mentres estas teñen lugar. Este tipo de reflexión chámase introspección. Tamén pode reflexionar sobre como se desenvolveu a tarefa unha vez que esta finalizou, o cal require a dedución por parte do individuo dos seus propios procesos ou estratexias mentais a partir do que lembre do proceso mental específico que se está estudando. Este tipo de reflexión coñécese como retrospección.
Johnson, K. & Johnson, H. 1998. Encyclopedic Dictionary of Applied Linguistics. Oxford: Blackwell.