Coleman, A. 1929. The Teaching of Modern Foreign Languages in the United States. New York: Macmillan.
Estudo iniciado en 1923 sobre a situación do ensino de linguas estranxeiras en escolas e universidades norteamericanas. O aspecto máis destacado deste informe é a súa reticencia ao emprego do método directo para o ensino de idiomas, posto que, tras unha análise pormenorizada de recursos e necesidades educativas, concluía que o desenvolvemento das destrezas de expresión e comprensión oral era un obxectivo pouco práctico, dada a escaseza de tempo, a competencia limitada do profesorado e a pouca aplicabilidade real para os alumnos. No seu lugar, este estudo propuña como obxectivo prioritario o desenvolvemento das capacidades de comprensión escrita a través de textos sinxelos que, precedidos de listas de vocabulario, introducisen as estruturas gramaticais. O informe Coleman propiciou un período de auxe do denominado “método da lectura” que se estendeu entre 1920 e 1940. Seguindo as directrices do informe, durante ese período a meirande parte dos programas de linguas estranxeiras en Estados Unidos incidiron no ensino da comprensión de textos.