Bates, E., Pleh, C. & MacWhinney, B. 1982. "Functionalist Approaches to Grammar", in Warner, E. & Gleitman, L. (eds.). Language Acquisition: The State of the Art. New York: Cambridge University Press, pp. 173-218.
modelo ou teoría lingüística de aprendizaxe de segundas linguas de tipo funcional, proposto por Bates, Pleh e MacWhinney (1982), e MacWhinney (1987), no que as formas das linguas naturais están ao servizo das funcións comunicativas. A aprendizaxe da lingua vese como algo dinámico, máis que como un procesamento de carácter estático, como é o caso da gramática universal. O descubrimento de forma-función dos patróns gramaticais da segunda lingua constitúe o obxectivo fundamental da aprendizaxe. Segundo este modelo, as linguas mostran mecanismos distintos ou graos diferentes de “forza” nos patróns gramaticais. Así, por exemplo, a función de axente ou suxeito pode aparecer marcada de xeitos distintos nas distintas linguas. Pode ser a través de:
- Orde de palabras. En linguas como o inglés, o francés, o español e o galego, o suxeito xeralmente ocupa a posición inicial, mentres que noutras como o árabe se sitúa entre o obxecto e o verbo, e noutras ata en posición final.
- Concordancia. A concordancia verbo-suxeito é primordial en linguas como o holandés.
- Caso. O inglés ou o galego distinguen entre pronomes suxeito e obxecto mentres outras linguas non o fan.
- Natureza animada. Nalgúns casos como o xaponés, o suxeito sempre ten que ser unha persoa ou un ser animado e non pode desempeñar a función de suxeito algo inanimado.
Tal e como se pode apreciar, as linguas empregan diversos mecanismos ou formas para marcar unha mesma función, e estes non son igualmente importantes e relevantes en todas elas. Ao contrario, a “competición” que se suscita entre eles resólvese de forma diferente nos distintos sistemas lingüísticos, como acabamos de ver. Aprender a procesar unha segunda lingua implicará daquela axustar o peso de cada un destes mecanismos da L1 á L2. Aínda que se puidera pensar que a manifestación externa dos devanditos mecanismos é similar nas dúas linguas, no fondo poden chegar a ser de natureza moi distinta, ata o punto de que, en ocasións, o procesamento da L2 pode repercutir sensiblemente na propia asimilación da L1.
Cook, V. J. 2001. Second Language Learning and Language Teaching. London: Edward Arnold.
MacWhinney, B. 1987. “Applying the Competition Model to Bilingualism”. Applied Psycholinguistics 8: 315- 327.