Selecciona unha inicial para ver as entradas correspondentes:
A B C D E F G H I K L M N O P R S T U V W X Z

Afasia

Definición:

Perda total ou parcial da capacidade para utilizar e comprender a linguaxe, causada xeralmente por unha lesión cerebral. O termo disfasia emprégase ocasionalmente como sinónimo, aínda que parece máis apropiado empregalo cando a deterioración das capacidades afectadas é só parcial.

Unha clasificación da conduta afásica adoita distinguir entre afasia expresiva, que afecta á codificación e a produción de mensaxes, e afasia receptiva, que afecta á descodificación e comprensión destes. De modo máis preciso empréganse diferentes termos en función de cal é o aspecto lingüístico afectado. Así, a dificultade para ler denomínase alexia e a dificultade para escribir agrafia, mentres que os termos dislexia e disgrafia poden empregarse respectivamente para designar as formas menos graves destes trastornos; o termo agramatismo emprégase en referencia ás dificultades na construción correcta de estruturas oracionais; a anomia ou afasia nominal é a dificultade para empregar os nomes; a disprosodia afecta ao emprego adecuado das pautas de entonación, as pausas, etc.; a parafasia literal é a tendencia a traspoñer, substituír e engadir sons irrelevantes; e a apraxia da fala ou apraxia articulatoria refírese á incapacidade para controlar a posición dos músculos empregados na articulación e a secuencia de movementos necesarios.

A investigación da conduta lingüística dos individuos afásicos non é só de grande interese no ámbito clínico, senón que tamén pode achegar información relevante sobre o funcionamento da linguaxe e o modo en que é procesada polo cerebro

Entradas relacionadas: 
Bibliografía: 

Crystal, D. & Varley, R. 1998. Introduction to Language Pathology. London: Whurr Publishers Ltd. 4th edition.

Jódar Vicente, M. (coord.). 2005. Trastornos del lenguaje y la memoria. Barcelona: Editorial UOC.

Peña Casanova, J. 1988. Manual de logopedia. Barcelona: Masson.

Correspondencia noutros idiomas
Español: 
Afasia
Inglés: 
Aphasia
Francés: 
Aphasie
Alemán: 
Aphasie
Italiano: 
Afasia
Polaco: 
Afazja
Portugués: 
Afasia
Ruso: 
Афазия
Entrada anterior / seguinte:

Como citar esta páxina

Palacios Martínez, Ignacio (dir.), Rosa Alonso Alonso, Mario Cal Varela, Yolanda Calvo Benzies, Francisco Xabier Fernández Polo, Lidia Gómez García, Paula López Rúa, Yonay Rodríguez Rodríguez & José Ramón Varela Pérez. 2019. Dicionario electrónico de ensino e aprendizaxe de linguas. ISBN 978-84-09-10971-5. (Dispoñible en líña en https://www.dicenlen.eu/gl/diccionario/entradas/afasia, con data de acceso 28/03/2024).